Política Lingüística publica unha nova orde que actualiza os contidos da formación en linguaxe administrativa e xurídica galegas

O obxectivo desta iniciativa é homoxeneizar a regulación destes cursos

A orde unifica os requisitos para acceder aos distintos cursos de linguaxes específicas, delimita os currículos de cada nivel e fixa o sistema de avaliación

Tamén se establecen as equivalencias e validacións das linguaxes específicas

Dom, 26/06/2011 - 11:10

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de facer pública a nova orde pola que se regulan os cursos de linguaxes administrativa e xurídica galegas, de nivel medio e superior, dirixidos principalmente a mellorar a capacitación lingüística das traballadoras e dos traballadores públicos. Esta orde, que ten como obxectivo actualizar a do 1 de abril de 2005, é a primeira que se elabora especificamente para estes cursos e incorpora importantes cambios cualitativos.

En primeiro lugar, a Orde do 13 de xuño de 2011, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, delimita os currículos de cada curso. Deste xeito, búscase establecer con claridade os contidos de cada un dos distintos niveis para facilitar o labor do profesorado á hora de impartir os cursos e tamén a aprendizaxe por parte do alumnado. 

En segundo lugar, redefínense as linguaxes específicas, que se clasifican en linguaxe administrativa galega e linguaxe xurídica galega. Deste xeito, a linguaxe sanitaria prevista na anterior orde pasa a incluírse na linguaxe administrativa.

Unificar o sistema de avaliación dos cursos

En terceiro lugar, a nova orde fixa os requirimentos que deben ter todos os cursos de linguaxes específicas en canto a contidos, duración e obrigas dos docentes, tanto os organizados polos organismos competentes da Administración, como por aqueloutros que conten coa homologación da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nesta mesma dirección, inclúese un novo artigo no que se fixa o sistema de avaliación que se debe seguir en todos os cursos. Para isto, establécese o número de traballos que debe facer o alumnado e mais a proba final obrigatoria, tanto para os cursos presenciais como para os cursos en liña. Isto permite homoxeneizar o proceso de impartición e de avaliación dos cursos, independentemente do profesor ou titor, do lugar en que se desenvolvan e do colectivo que os organice.

En cuarto lugar, os requirimentos necesarios para acceder aos distintos niveis dos cursos tamén quedan fixados nesta nova orde, tanto para os niveis medios de linguaxe administrativa e xurídica como para os niveis superiores. Neste campo, destaca como novidade a inclusión do Celga 4 como un dos requirimentos para acceder aos niveis medios dos cursos.

Equivalencias e validacións

Finalmente, cómpre indicar que a orde incorpora un novo artigo no que se recollen todas as posibles equivalencias e validacións das linguaxes específicas. Con isto, preténdense preservar os posibles dereitos adquiridos derivados das distintas ordes de equivalencias que se foron superpoñendo nos últimos anos entre cursos e probas de linguaxes específicas. En consecuencia, facilítase o labor á hora de valorar estes cursos nos procesos de concursos de méritos dentro da Administración.

Reforzar a capacitación lingüística en galego

Os cursos de linguaxe administrativa galega están dirixidos aos cadros de persoal da Administración autonómica, da Administración local, do Parlamento de Galicia, da Adminis­tración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia e doutros servizos docu­mentais e de xestión (colexios profesionais, xestorías, cámaras de comercio, asociacións empresariais e sindicais…), así como a aquel persoal que se estableza nas corresponden­tes convocatorias dos cursos. Mentres, os cursos de linguaxe xurídica galega están dirixidos aos cadros de persoal da Adminis­tración nas súas áreas de xustiza, notarías e outros servizos e áreas de xestión (colexios de avogados, xestorías…).

A finalidade destes cursos é darlles formación específica aos traballadores e traballadoras destes ámbitos na súa lingua de especialidade. Isto implica unha formación en aspectos gramaticais e léxicos específicos e en aspectos de redacción e estilo a partir do traballo cos documentos administrativos propios de cada nivel.

Con esta formación específica en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca actualizar e formar o persoal para que incremente a competencia técnica nesta lingua, e garantir a utilización dun galego de calidade e dunha linguaxe clara cos administrados.

Menús News node R