A Consellería de Educación incorpora 83 centros ao plan de mellora de bibliotecas escolares
Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dá continuidade ao programa de fomento da lectura, enmarcado no Plan LÍA 2010/2015
O departamento educativo da Xunta achegará máis de 1,6 millóns de euros a estas bibliotecas
A convocatoria deste ano para entrar a formar parte do Plan acadou un gran éxito, con 225 solicitudes
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de incorporar 83 centros educativos á rede dos beneficiados polo plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). A resolución provisional pode consultarse no portal educativo, no enderezo /portal/node/2817.
Deste xeito a Consellería dá continuidade ás actuación de fomento da lectura que está a desenvolver no marco do PLAN LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe). No curso 2010/2011 estiveron integrados no programa 374 centros, dos que 134 son institutos de ensino secundario, o que significa que o 51% do total deste tipo de centros, de titularidade pública estaban incluídos no Plan.
A Consellería de Educación achegará no curso que vén máis de 1,6 millóns de euros ás bibliotecas escolares beneficiadas polo PLAMBE, un programa que pretende incentivar a aqueles centros que se comprometen a renovar as súas bibliotecas e a utilizalas de forma eficiente para a mellora da calidade do ensino que ofrecen ao seu alumnado. Deste xeito asignaranse contías para a renovación dos fondos da colección (contemplando o soporte impreso e o soporte dixital), así como para a renovación de equipamento e mobiliario.
Un referente nacional
A convocatoria para entrar a formar parte do Plan espertou un gran interese por parte dos centos educativos. Así, presentáronse un total de 225 solicitudes, das que a Comisión de Valoración seleccionou os 83 centros que mellor se adecuaron aos requisitos contemplados na convocatoria.
Neste sentido cómpre sinalar que as iniciativas de fomento da lectura desenvolvidas pola Consellería de Educación son un referente a nivel nacional pola súa calidade. De feito, Galicia foi a Comunidade Autónoma con máis bibliotecas premiadas - con 8 centros, máis do 30% do total dos galardoados- nos premios do ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2010’, organizado polo Ministerio de Educación.
Estes premios recoñecen as iniciativas destes centros para que as súas bibliotecas sexan espazos dinámicos que actúen como recurso didáctico e integrador para a mellora da calidade do ensino.