Educación convoca prazas de residencia para estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2019/20
A Consellería oferta as prazas vacantes nos Centros Residenciais Docentes (CDR) da Coruña, Ourense e Vigo
No curso actual tivo este servizo de forma gratuíta o 91 % do alumnado usuario
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes (CRD) da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2019/20. No presente curso o 91% do alumnado usuario gozou deste servizo de forma gratuíta, de acordo cos limiares de renda fixados na convocatoria.
O obxectivo desta é facilitarlle o acceso ao ensino superior ao alumnado que se escolariza en localidades distintas ás do seu domicilio habitual, motivado polo feito de que os estudos que realiza non se impartan en ningún centro sostido con fondos públicos da súa localidade de residencia nin noutra próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade.
As vacantes ofertadas poderán consultarse na páxina web ou taboleiro de anuncios dos CRD aos tres días da publicación da convocatoria. O alumnado solicitante que obteña praza terá dereito de reserva ata que complete os estudos dun nivel formativo concreto que dea lugar á obtención dun título académico, sempre que non repita curso e non variasen as circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.
Os residentes que rematen un nivel educativo concreto ou ciclo formativo, obtendo ou reunindo as condicións necesarias para acadar o título académico correspondente, non terán reserva de praza, polo que, para poder continuar os estudos deberán presentar unha nova solicitude.
Prazos e criterios
O alumnado matriculado en bacharelato poderá presentar solicitude dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria ata o 12 de xullo; mentres que para o matriculado en ciclos formativos, o límite será ata o 9 de agosto.
A publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas, excluídas, adxudicatarias e suplentes farase de forma conxunta antes do 13 de setembro, a través da páxina web da consellería e do taboleiro ou páxina web do respectivo centro residencial.
Para os centros nos que quedasen prazas vacantes, abrirase un prazo extraordinario de solicitudes entre o 16 e o 20 de setembro; e as listas definitivas publicaranse o 7 de outubro.
No referido aos criterios de valoración, teranse en conta os datos socioeconómicos (composición da unidade familiar, renda, discapacidade e desemprego) e o rendemento académico.