Nove graos universitarios aumentan as prazas para o vindeiro curso, no que tamén se impartirán por primeira vez catro títulos de nova creación
A Comisión Delegada da Conferencia General de Política Universitaria aprobou a oferta definitiva para o Sistema Universitario Galego no curso 2019/20
O obxectivo da nova oferta de prazas é superar a taxa de cobertura do 90%
Un total de 9 graos universitarios aumentarán o número de prazas ofertadas para o vindeiro curso 2019/20 nas tres universidades galegas, que tamén impartirán por primeira vez 4 novos títulos de grao, tal e como acaba de aprobar en Madrid a Comisión Delegada da Conferencia General de Política Universitaria, o órgano estatal encargado de dar o visto e prace á oferta para a totalidade do Sistema Universitario Español, e no que están representados o Ministerio e as CCAA.
No caso de Galicia -á proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional- esta oferta supón aumentar por primeira vez a oferta de prazas naqueles graos que nos últimos anos non eran suficientes para cubrir a demanda existente, e que presentan alta taxa de graduación e empregabilidade.
Deste xeito, no vindeiro curso auméntanse as prazas no Grao en Enxeñería Informática no Campus de Ourense e no Campus de Santiago (+24), no Grao en Dereito no Campus Coruña e Campus Santiago (+15), no Grao en Matemáticas no Campus Santiago (+10), no Grao en Pedagoxía en Campus Santiago (+2), no Grao en Psicoloxía Campus Santiago (+10), no Grao en Educación Social no Campus Santiago (+2), e no Grao en Enxeñaría Mecánica no Campus de Ferrol (+4). Ademais introdúcese por primeira vez a formación dual no Sistema Universitario Galego, en concreto no Grao de Enxeñaría Eléctrica do campus de Ferrol, polo que este será o único de toda Galicia en ofertar un grao dual.
Cómpre lembrar que, por primeira vez logo de varios anos, a Consellería de Educación acordou permitir o incremento de prazas de grao e máster daquelas titulacións que cumpriran unha serie de requisitos como a demanda social, a taxa de egresados ou a taxa de empregabilidade entre outros, e tamén tendo en conta o equilibrio da oferta dentro do conxunto do Sistema Universitario Galego. Froito destes axustes agardase que por primeira vez en Galicia a taxa de cobertura das prazas ofertadas supere o 90% cando remate o proceso de matrícula do vindeiro curso.
Catro graos de nova implantación
Así mesmo, continuando coa segunda fase do cronograma dos acordos do Mapa de Titulacións subscrito polas tres Universidades, o vindeiro curso entrarán en funcionamento catro novos títulos universitarios que son o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos no Campus Coruña (50 prazas), o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos no Campus Coruña (50 prazas), o Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación no Campus Ferrol (45 prazas), e o Grao en Robótica no Campus Lugo (50 prazas).
Estes novos títulos xa figuraban na folla de ruta das titulacións nos campus galegos recollida no acordo de 2017 entre a Consellería e os reitores da USC, da UVigo e da UDC sobre o mapa de titulacións no Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o período 2017-2021, e que foi froito dun traballo previo de análise e valoración.
Un dos principios reitores desa planificación subscrita polas tres universidades é o de garantir o mantemento da actual oferta universitaria, polo que a entrada de 4 novos títulos no sistema leva aparellado a progresiva desaparición doutros tantos que son os graos en Humanidades e en Información e Documentación no Campus de Ferrol, o grupo do campus de Lugo do Grao en Lingua e Literatura Españolas e o Grao en Xestión de PEMES (Campus de Santiago).
Todos eles comezarán a retirarse en 1º curso no 2019/20. Non obstante, as Universidades deben garantir que o alumnado que agora mesmo está cursando estes graos complete os seus estudos ata a graduación.
Cómpre subliñar que estes catro graos presentaban incumprimento dos mínimos de matrícula de novo ingreso fixados no decreto autonómico de titulacións (50 alumnos para os campus centrais e 45 para os periféricos), sen posibilidade mellora a curto e medio prazo, síntoma da non adecuación destas titulacións á demanda dos estudantes de novo ingreso.
Aínda que o aumento de prazas en 9 graos e a oferta de 4 novos graos suma un total de 262 prazas que se incorporan ao sistema no curso 2019/20, no cómputo total o SUG oferta para o vindeiro curso 11.340 prazas, 133 menos que no pasado curso académico xa que logo, como tamén se establece na resolución de 20 de marzo, diminuíuse a sobreoferta estrutural presente en algunhas titulacións, isto é, prazas que historicamente non eran solicitadas polo estudantado que accede ás universidades galegas.