A Rede de Escolas de arte e superiores de deseño da Consellería obtén o certificado de calidade de Aenor
Carmen Pomar presidiu o acto de entrega das certificacións
O selo acredita a consolidación dos sistema de xestión nestes catro centros educativos
A Rede de Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia –dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional – acaban de obter o certificado de calidade ER-0225/2019, ISO 9001, de AENOR, un selo que acredita a consolidación dun sistema de xestión de calidade nas catro escolas que integran a rede. O certificado é ademais un recoñecemento á excelencia das ensinanzas que imparten e á formación artística dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño.
A conselleira presidiu esta tarde o acto de entrega das certificacións, celebrado na capital de Galicia, á EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, a EASD Pablo Picasso da Coruña, a EASD Ramón Falcón de Lugo e a EASD Antonio Faílde de Ourense. A titular do departamento de ensino da Xunta de Galicia felicitou as catro escolas “por acadar esta certificación de recoñecemento dun organismo externo, concedido seguindo criterios de valoración obxectivos, e que verifica a calidade da formación artística dos futuros profesionais das artes plásticas e o deseño”.
Carmen Pomar salientou o papel destas escolas na profesionalización das actividades artísticas na nosa comunidade e na formación técnica e artística de profesionais recoñecidos e demandados.
Igualmente subliñou o carácter singular das EASD, como centros de referencia no ensino das artes plásticas e o deseño en Galicia “cunha oferta actualizada e axustada ás demandas profesionais neste ámbito, que se configura como piar básico da formación integral do individuo e do seu desenvolvemento persoal, pero tamén como unha verdadeira opción de futuro”.
Os certificados foron entregados pola conselleira de Educación e polo director de AENOR en Galicia, Martín Pita. No acto participaron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, os directores das escolas de Santiago, Santiago Riande; A Coruña, Manuel Andrés Soto Gómez; Lugo, Mª Esther Muñoz Mella; e Ourense, César Carlos Taboada Varela; ademais de responsables de calidade e inspectores das EASD.