Carmen Pomar felicita o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal polo seu dinamismo
O centro desenvolve varias iniciativas innovadoras impulsadas pola Consellería, como os contratos-programa ou o Plan Proxecta
Ademais contan con iniciativas propias para a mediación e a mellora da convivencia
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal (Oleiros), ao que felicitou polo seu dinamismo e pola implicación de toda a comunidade educativa no desenvolvemento de diferentes iniciativas innovadoras. De feito, o centro uniuse ao Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras (hoxe estratexia Edulingüe) desde o seu primeiro ano de funcionamento, polo que é plurilingüe desde o ano 2010.
O CEIP participa tamén de forma activa nos contratos-programa. Nesta acción desenvolven a liña 1, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), que busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades; a liña 3, de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, que inclúe todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa; a 4, centrada na prevención do abandono educativo temperán e do absentismo escolar; e a liña 5, orientada a mellorar o nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia.
Ademais o colexio toma parte do Plan Proxecta, en concreto no programa Voluntariado miúdo: Móvete!, dirixido á promoción da adquisición de competencias a través de proxectos de acción voluntaria que permitan fortalecer a educación en valores solidarios dende realidades concretas adaptadas ás idades do alumnado.
Durante o seu percorrido polo centro educativo a conselleira tivo a oportunidade de coñecer o método de traballo dos dous grupos de alumnado de altas capacidades, que valorou moi positivamente como ferramenta para fomentar as posibilidades destes estudantes ao tempo que se facilita a integración de toda a comunidade escolar.
Tal e como sinalou a conselleira, esta e outros labores son froito do compromiso do equipo docente do centro. De feito unha das súas integrantes, Alicia Tojeiro, foi unha das 10 finalistas dos Premios Educa Abanca. Mejor Docente de España 2018, que recoñecen a implicación dos mellores profesores en cada curso. O traballo desta docente abrangue iniciativas en prol da reciclaxe e de fomento das iniciativas solidarias, entre outras.
Mediación e mellora da convivencia
Carmen Pomar destacou tamén que CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal amosa unha gran preocupación pola mellora da convivencia e da inclusión nas aulas. Neste sentido desenvolven desde o curso pasado a iniciativa Mediadores Escolares a través da cal as nenas e nenos resolven os seus problemas entre si, apoiados por un grupo de compañeiros de 6º de Primaria que foron formados como mediadores. Calquera persoa da comunidade escolar pode solicitar a intervención nun posible conflito a través da correspondente solicitude, que deberá depositar na caixa de correo de mediación.
Por outra banda o CEIP está a desenvolver unha iniciativa de patios activos, un proxecto no que tamén participa o profesorado e alumado de Terapia Ocupacional da Universidade da Coruña (UDC) e co que se busca mudar as actividades que se realizan na hora do recreo para acadar un patio inclusivo, dinámico e que sexa un exemplo de convivencia.