Os sindicatos rexeitan que o conselleiro de Educación reciba a un representante de cada organización

A Xunta continuará coa tramitación do reordenamento da xornada laboral dos docentes, ante a negativa ao diálogo por parte sindical

A Consellería propuxo na mesa sectorial unha modificación da parte lectiva da xornada semanal, que se mantén en 37,5 horas

As organizacións sindicais negáronse a escoitar os argumentos da Administración, rexeitando a orde sen facer aportacións ao articulado

Mar, 21/06/2011 - 13:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continuará coa tramitación do reordenamento da xornada laboral do profesorado de infantil, primaria e educación especial, despois de que as organizacións sindicais se negaran hoxe ao diálogo, abandonaran a mesa sectorial e, logo de pedir unha entrevista co conselleiro, rexeitar a oferta de Xesús Vázquez querendo impoñer que recibira a todos os membros da Mesa en lugar de a un membro por cada organización.

Os representantes da Consellería na mesa de negociación lamentaron non contar coas achegas dos sindicatos logo de expoñer o contido da nova norma. Tal e como explicaron, os sindicatos rexeitaron a proposta da Consellería na súa quenda de intervencións, negándose posteriormente a escoitar a réplica da Administración na que se lles ían presentar os diferentes argumentos que motivan a modificación.

Diante da negativa á negociar por parte sindical, a Administración decidiu continuar co resto dos puntos da orde do día, “momento no que as organizacións sindicais se levantaron da mesa e decidiron por iniciativa propia trasladarse a outra sala, esixindo unha reunión co conselleiro”, explicou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal. “Malia que se lle explicou que o conselleiro non se atopaba en Santiago por motivos de axenda, -engadiu- os sindicatos negáronse a abandonar a sala na que se instalaron”.

A consellería considera pouco responsable a actitude das organizacións sindicais que solicitan a substitución do presidente nato da mesa sectorial, o director xeral de Centros e Recursos Humanos polo propio conselleiro, cando as competencias organizativas da Consellería atribúen dita función ao devandito director. Así as cousas, considera rachado o ofrecemento de negociación propio dun foro como é a mesa sectorial e continuará a tramitación da orde de modificación do horario lectivo que se culminará coa súa próxima publicación

O departamento educativo da Xunta de Galicia entende que as organizacións sindicais tenten manter o seu actual estatus lectivo pero a Administración ten a obriga de velar polo beneficio da maioría da sociedade.

Mesma xornada semanal

Como se sabe a proposta presentada hoxe pola Consellería na mesa sectorial contempla un maior peso do horario lectivo dentro da xornada laboral do persoal docente de infantil, primaria e secundaria, de tal maneira que, sen aumentar a súa xornada de 37,5 horas semanais, pasen a dar clases 25 en lugar de 21 horas.

Con esta modificación, Galicia busca equiparar a carga lectiva dos mestres galegos á do resto das Comunidades Autónomas, en prol dun maior apoio docente que redunde nunha mellora da calidade educativa. De feito, Cataluña vén de incrementar a xornada do seu profesorado, de 23 a 24 horas semanais e, en termos globais, 10 das 17 Comunidades Autónomas aplican as 25 horas que agora propón a Consellería para Galicia

Neste momento, desde a redución de 4 horas lectivas operada polo anterior goberno no 2007, Galicia é Comunidade Autónoma na que os mestres teñen menor carga lectiva. Así, dez Comunidades (Andalucía, Aragón, Navarra, Baleares, A Rioxa, Estremadura, Madrid, Comunidade Valenciana, Asturias e Cantabria) aplican xa as 25 horas, mentres que tres teñen 24 horas lectivas (Cataluña, Castela e León e Canarias), e as tres restantes aplican 23 horas (Castela A Mancha, Murcia e País Vasco)

Maior dedicación

O reordenamento da xornada laboral permitirá ademais que o profesorado poida atender aos alumnos usuarios do transporte escolar desde que este chega ao centro educativo ata que entran nas aulas, e desde que rematan as clases ata que suban ao autobús. Desta forma dáse resposta ás familias, que viñan demandando acompañamento para as súas fillos neses momentos sen clase, sobre todo no caso das alumnas e alumnos de menor idade.

A ampliación da carga lectiva permitirá aumentar as actividades de reforzo e apoio por parte do profesorado, de xeito especial no que toca á atención a diversidade e á atención a alumnos con dificultades de aprendizaxe. Pero tamén servirá para apoio a outros mestres, substitucións breves.

Cómpre lembrar, neste sentido, que dentro destas 25 horas lectivas semanais se inclúen as gardas, os recreos e, a partir do vindeiro curso, a recepción e despedida dos escolares no transporte.