Educación premiará os centros educativos que fomenten a investigación e a reflexión no ámbito da igualdade, o respecto e a convivencia
A Consellería convoca o I Premio pola Igualdade Carmen López-Cortón e o I Premio de Curtametraxes Alice Guy-Blaché 2019, que repartirá un total de 24 galardóns dotados con entre 500 e 5.000 euros por centro
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar os premios pola Igualdade Carmen López-Cortón e de Curtometraxes Alice Guy-Blaché 2019 cos que recoñecerá o labor dos centros educativos públicos e as boas prácticas docentes no ámbito da igualdade, o respecto e a convivencia co fin de fomentar estes valores entre o alumnado.
I Premio pola Igualdade Carmen López-Cortón
Esta primeira convocatoria do Premio pola Igualdade Carmen López-Cortón, xorde coa liña temática de traballo “Os estereotipos de xénero” para fomentar a reflexión, a análise crítica e a detección dos estereotipos de xénero. O obxectivo é que o alumnado asimile coñecementos e actitudes, así como unha distancia crítica necesaria para analizar o tratamento dos estereotipos de xénero no século XXI, especialmente nos medios de comunicación, a publicidade, a moda, as redes sociais e as novas tecnoloxías da información e da comunicación.
O galardón leva o nome de Carmen López-Cortón, muller viaxada e políglota que desde moi cedo amosou grande interese pola educación das mulleres. Como mestra da Institución Libre de Enseñanza (ILE) publicou diversos traballos onde apostaba pola incorporación da muller á educación superior e promoveu actividades en prol das nenas máis desfavorecidas. Coa denominación deste galardón preténdese descubrir a súa esquecida labor ao tempo que incorporar novos referentes en prol da igualdade á comunidade educativa.
Poderán optar a este premio todos os centros docentes públicos de educación primaria, ESO e Bacharelato ou FP Básica, que dispoñen de prazo ata o 17 de outubro para presentar os traballos.
Tal como se establece nas bases -que poden consultarse no Portal Educativo- cada centro poderá presentarse a unha única categoría das tres estipuladas. A categoría A está dirixida a alumnos de 5º e 6º de Primaria e a temática versará sobre os estereotipos vinculados aos roles de xénero así como sobre alfabetización audiovisual que protexa ao alumnado da normalización de imaxes inadecuadas ou dun tratamento marcadamente estereotipado dos homes ou/e das mulleres.
A categoría B vai dirixida a alumnos de 1º e 2º de ESO e a C para 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP Básica. Nestes dous casos deberán presentarse textos de ensaio e reflexión, pezas audiovisuais, textos e imaxes da prensa periódica, publicidade ou fotografías que procuren unha mirada crítica transversal. Así mesmo, analizarase o tratamento dos estereotipos de xénero nos medios de comunicación, a publicidade, as redes sociais e as TICs.
A Consellería repartirá tres premios e 1 accésit para cada unha das categorías, dotados con 5.000 euros no caso do gañador, 2.500 euros para o 2º premio, 1.000 euros para o 3º e 500 euros para cada accésit.
Premio de Curtametraxes Alice Guy-Blaché
Baixo o lema “Facemos Historia pola Igualdade” a Consellería convoca o I Premio de Curtametraxes Alice Guy-Blaché, que leva o nome da primeira muller cineasta, directora de máis de mil filmes e pioneira en explorar o cinematógrafo como canle privilexiada para contar historias.
Con este premio búscase recoñecer o traballo de investigación e afondamento daqueles fitos históricos, persoeiros, testemuñas ou discursos que contribuíron á creación dunha conciencia de igualdade entre homes e mulleres.
Os centros poderán presentar producións audiovisuais onde se recreen acontecementos históricos, se acheguen á vida ou logros de figuras relevantes, a recuperación de discursos ou voces que loitaron en prol da igualdade en distintos países, culturas e épocas. Deste xeito, o alumnado poderá combinar o labor de investigación coas destrezas artística e creativa.
Os centros dispoñen de prazo ata o 15 de novembro para presentar os traballos. As bases poden consultarse no Portal Educativo.
Ao igual que no caso dos Carmen López-Cortón, no premio de Curtametraxes repartiranse tres premios e 1 accésit para cada unha das categorías (A para 5º e 6º de primaria, B para 1º e 2º de ESO, e C para 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP Básica), dotados con 5.000 euros no caso do gañador, 2.500 euros para o 2º premio, 1.000 euros para o 3º e 500 euros para cada accésit.