Centros de ensino de Castroverde, Soutomaior e Pontevedra gañan o certame de oratoria ComunicaTedu

A conselleira de Educación presidiu a entrega de premios

O concurso, destinado a alumnado de ESO e 1º de bacharelato, centrouse nesta edición na igualdade e na prevención da violencia de xénero

Mar, 28/05/2019 - 14:52
Centros de ensino de Castroverde, Soutomaior e Pontevedra gañan o certame de oratoria ComunicaTedu

A conselleira  de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe a entrega dos premios do concurso de oratoria ComunicaTedu, organizado polo seu departamento co obxectivo de que o alumnado afonde na adquisición da competencia en comunicación lingüística, desta vez en relación coa temática de igualdade e prevención da violencia de xénero.

Os primeiros premios (dotados con 2000 €) foron para o CPI Plurilingüe de Castroverde (Castroverde) na categoría de ESO e para o IES de Soutomaior (Soutomaior) na de Bacharelato. O segundo (dotado con 1500 euros) foi para o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra) na categoría de ESO.

Durante a súa intervención a conselleira salientou o traballo realizado polos participantes durante o curso, “co apoio e guía das vosas titoras e titores, que permitiu a sensibilización da comunidade educativa dos vosos centros en temas de fondo calado social”. “Temas como a coeducación e a igualdade, que son un compromiso firme que temos na Consellería de Educación para garantir un modelo educativo baseado no respecto e na liberdade”, sinalou.

Carmen Pomar destacou ademais que as exposicións presentadas hoxe son resultado de promover “unha educación activa, con metodoloxías innovadoras e traballando por proxectos”, e lembrou que o concurso naceu da man da materia de Oratoria e que este curso estiveron tamén implicadas as materias de Igualdade de Xénero, Sociedade Inclusiva e Coeducación para o século XXI.

Igualdade

O concurso baséase na preparación dunha intervención por cada equipo de estudantes participante sobre un tema determinado, e na súa gravación para sometela á avaliación do xurado.

Unha vez seleccionadas, as 7 intervencións mellor valoradas –recoñecidas cun diploma que acredite esta distinción- participaron hoxe na fase final do certame, na que as alumnas e alumnos realizaron de novo a súa exposición para a súa gravación definitiva e difusión a través do portal educativo.

Este ano o certame centrouse na igualdade e na prevención da violencia de xénero. Deste xeito, o concurso complementa a oferta de Oratoria como materia de libre configuración autonómica en 1º e 2º de ESO, así como –pola temática escollida este ano– as materias de Igualdade de Xénero, Sociedade Inclusiva e Coeducación para o século XXI. En total participaron un total de 12 equipos de 6 centros educativos de toda Galicia.