Educación convoca os premios extraordinarios de fin de carreira, que recoñecen a excelencia do alumnado universitario en Galicia
Vai dirixido aos estudantes que remataron os seus estudos universitarios no ano 2018
Os interesados dispoñen de prazo ata o 28 de xuño para optar ao galardón, dotado con ata 3.000 euros por premiado
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de convocar os premios extraordinarios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2018 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).
O obxectivo destes galardóns é recoñecer as mellores traxectorias académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e excelencia. Para tal fin, o departamento que dirixe Carmen Pomar destina un orzamento de 222.000 euros. Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3000 euros e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.
Requisitos
Poderá optar a este premio o alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Os requirimentos e forma de presentación de solicitudes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.
Ao igual que o ano pasado, o número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas con ata 199 persoas egresadas optarán a un premio, as que teñan entre 200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a tres premios. O número de persoas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia.