Os centros poderán solicitar incorporarse ao programa de plurilingüismo na formación profesional ata o 21 de xuño
A Consellería de Educación publicou a resolución no Diario Oficial de Galicia
Refórzase a aposta polas linguas estranxeiras coa extensión das actividades complementarias a todos os centros e coa incorporación dun módulo de idioma nos novos títulos de FP que se implanten o vindeiro curso
Como novidade inclúese a posibilidade de que ao remate de cada etapa educativa o alumnado do programa plurilingüe en FP poda participar nunha proba de avaliación de nivel
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que anuncia a regulación dos ciclos formativos plurilingües para o curso 2019/20. Os centros educativos interesados poderán solicitar que se lle autorice a impartición de ciclos plurilingües ata o 21 de xuño.
O alumnado que se incorpore a un ciclo formativo plurilingüe cursará cando menos no primeiro curso do ciclo, un módulo non lingüístico en lingua estranxeira. O número de módulos que se cursen en lingua estranxeira poderá ampliarse ata un terzo do horario en lingua estranxeira. O centro educativo ofrecerá tamén unha actividade formativa extracurricular de carácter voluntario para o alumnado, no primeiro e no segundo curso do ciclo, cunha carga horaria semanal de dous ou tres períodos lectivos fóra do horario ordinario do alumnado. Esta actividade formativa terá por obxecto principal o afondamento e a adquisición de destrezas no idioma elixido para impartir o ciclo plurilingüe, que sexan específicas do sector profesional ou do ámbito produtivo no que se estea a formar o alumnado.
Así mesmo, ao longo dos dous cursos do ciclo o alumnado realizará actividades complementarias de formación organizadas polo centro educativo, como charlas, obradoiros ou proxectos, cunha duración estipulada de 40 horas, e que se desenvolverán tamén fóra do horario ordinario do alumnado.
A realización destas actividades complementarias estenderase de xeito progresivo a partir do curso 2019/20 a todos os ciclos formativos xa implantados, comezando polos ofertados polos Centros Integrados de Formación Profesional e por aqueles ofertados baixo a modalidade de Formación Profesional Dual. Así mesmo está previsto que os novos títulos de FP que se implanten o vindeiro curso incorporen un módulo profesional de idioma.
Como novidade nesta convocatoria inclúese a posibilidade de que ao remate de cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, o alumnado do programa plurilingüe poda participar no procedemento de avaliación que determine a Consellería.
Dous anos de desenvolvemento
Os centros docentes que desexen incorporarse ao programa de plurilingüismo na FP realizarán a solicitude no modelo que se xunta na resolución, ao que engadirán o proxecto de desenvolvemento dos ciclos formativos plurilingües, coa concreción para o primeiro curso e a planificación para o segundo curso. Deberán comprometerse a desenvolver os ciclos formativos plurilingües, cando menos durante dous anos, de tal xeito que o alumnado que se incorpore no primeiro curso poida completar os dous cursos do ciclo formativo.
Ademais deberán contar con profesorado para impartir os módulos plurilingües, que deberá acreditar, cando menos, o nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). O alumnado, pola súa banda, disporá de formación específica orientada para certificar o nivel B1, B2 ou superior ao remate da etapa.
Mellora das competencias
Os ciclos formativos plurilingües teñen como finalidade favorecer a mellora das competencias lingüísticas do alumnado da FP galega e, con isto, a súa inserción laboral, a través da consecución de habilidades de comunicación oral e escrita nunha lingua estranxeira e da adquisición de destrezas de comunicación específicas do sector profesional ou ámbito produtivo no que se estea a formar o alumnado. Isto repercute ademais nunha maior competitividade dos sectores produtivos, dado que as empresas precisan formación en competencias lingüísticas.
O programa PluriFP enmárcase na Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe), que ten entre os seus obxectivos impulsar a aprendizaxe de idiomas estranxeiros e recolle a súa extensión á formación profesional cos ciclos formativos plurilingües.