Carmen Pomar sinala o Plan Proxecta como “unha porta aberta á transformación, á innovación e á mellora do sistema educativo”

A conselleira presidiu o acto de entrega dos premios vencellados a este programa

Resultaron galardoados dez centros educativos de toda Galicia

Ven, 24/05/2019 - 13:18
Carmen Pomar sinala o Plan Proxecta como “unha porta aberta á transformación, á innovación e á mellora do sistema educativo”

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, sinalou hoxe o Plan Proxecta como “unha porta aberta á transformación, á innovación e á mellora do noso sistema educativo”. Fíxoo no acto de entrega dos Premios Proxecta 2018, que recoñecen o traballo destacado de centros participantes neste programa, “un merecido recoñecemento a unha traxectoria coherente e esforzada. Sodes, así, exemplo para o resto da comunidade educativa, un modelo a seguir”, dixo a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia.

Das iniciativas galardoadas a conselleira destacou “a súa preocupación por unha educación en valores, a vida saudable, a defensa do medio ambiente, a promoción da contorna rural ou a protección do noso patrimonio máis próximo”. Neste sentido lembrou que para saír adiante estes proxectos precisaron dun traballo de coordinación e cooperación entre diversos departamentos do Goberno galego, así como con outras entidades. “Grazas a todos eles logramos integrar dinámicas que incentivan a creatividade, o pensamento crítico, a xestión da diversidade e, por suposto, o traballo en equipo e en rede”, dixo.

Carmen Pomar quixo, así mesmo, agradecer o labor dos docentes implicados no desenvolvemento destes traballos. “Confiastes nos proxectos, puxestes neles toda a ilusión e o esforzo. É bonito ver premiada a capacidade de promover unha educación activa e a contribución á mellora da calidade educativa”, rematou.

Galardoados

Na categoría A, na que están incluídas as escolas de educación infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de educación especial (CEE), colexios de educación infantil e primaria (CEIP), e colexios de educación primaria (CEP); o primeiro premio foi para o CEIP Barrié de la Maza (Santa Comba), o segundo para o CEIP de Piñeiros (Narón) e os terceiros para o CEIP Plurilingüe Os Casais (Fene) e o CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas). Ademais, concedeuse un accésit ao CEIP Xosé Manuel Folla Respino (Vilamartín de Valdeorras).

No referido á categoría B, dirixida aos centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros integrados de formación profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos, o primeiro premio foi para o IES de Cacheiras (Teo), o segundo para o CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) e os terceiros para o CPI Plurilingüe de Vedra (Vedra) e o IES Sánchez Cantón (Pontevedra). A maiores, concedeuse un accésit ao IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova). A dotación total dos galardóns ascende a 28.000 euros; os primeiros obteñen 6.000 euros cada un, os segundos 4.000 e os terceiros 2.000 euros.

Plan Proxecta

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 43 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros. No actual curso 2018/19 participan no Plan Proxecta 542 centros de ensino e preto de 138.000 alumnas e alumnos.