Educación abre a convocatoria para que os centros soliciten impartir o bacharelato de dobre titulación español-francés Bachibac
Ademais de cursar materias específicas do currículo, para obter a titulación de Baccalauréat do Ministerio de Educación Nacional Francés, o alumnado deberá superar unha proba externa
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, acaba de abrir o prazo para que os centros escolares que o desexen soliciten impartir a dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat, español e francés, coñecido como Bachibac, para o vindeiro curso 2019-20. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.
Ademais do currículo oficial da ESO e Bacharelato vixente en Galicia, os centros que se acollan a esta modalidade ofertarán como materias específicas do currículo mixto español-francés Lingua e Literatura francesas (que poderá cursarse como primeira ou como segunda lingua estranxeira), e Historia de Francia (que se integrará na parte correspondente á materia de Historia de España).
Estas materias específicas deberán ser impartidas integramente en francés, e serán obxecto dunha proba externa que o alumando deberá realizar para a obtención do título de Baccalauréat. Ademais, os alumnos deberán recibir polo menos un terzo do horario lectivo en lingua francesa no conxunto do Bacharelato, co fin de acadar o nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Lingas (MCERL).
Os centros escolares que se incorporen a este programa comprométense a impartir a dobre titulación de Bacharelato-Baccalauréat durante dous cursos académicos como mínimo desde o momento da súa autorización, así como a garantir que o alumnado que inicie a súa participación no programa o poida completar. Con carácter xeral, requírese un número mínimo de dez alumnos para poder impartir esta modalidade.
No caso do alumnado, para ser admitido neste programa deberá ben ter cursado unha sección bilingüe hispano-francesa na etapa de ESO, ben ter realizado toda ou parte da Secundaria no sistema educativo dun país de lingua francesa ou ben estar en condicións de acreditar un nivel equivalente ao B1 do MCERL no uso da lingua francesa ao comezo da etapa de Bacharelato.
Para obter a dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat outorgado polo Ministerio de Educación Nacional Francés, ao final do 2º curso de Bacharelato, os estudantes que cursen esta modalidade deberán realizar unha proba externa sobre as materias específicas do currículo mixto.
Actualmente en Galicia, o único centro que oferta esta dobre titulación de Bacharelato Español-Francés é o IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros.