A Consellería de Educación participou no acto de graduación de ciclos formativos do CPR Novacaixagalicia
O director xeral de Educación destacou a importancia da Formación Profesional na preparación de profesionais altamente cualificados
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na graduación das alumnas e alumnos dos ciclos formativos de Secretariado, Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas e Administración e Finanzas do CPR Novacaixagalicia, un acto no que participou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira.
Durante a súa intervención o director xeral salientou a importancia da FP na preparación de profesionais altamente cualificados para conseguir un sistema produtivo competitivo e de oportunidades. Neste sentido lembrou os altos niveis de empregabilidade dos titulados destas ensinanzas dos que, segundo os últimos estudos, o 88,8% atopan emprego nos primeiros 6 meses despois do remate ciclo.
“No momento actual o impulso da FP é unha medida estratéxica e estrutural imprescindible para podermos encarar o futuro, nuns tempos de fonda crise económica e de destrución de emprego”, dixo o director xeral. Así, lembrou o traballo que está a desenvolver a Consellería de Educación para poñer en marcha medidas de reforzamento e mellora da FP.
Tal e como explicou o director xeral, a Consellería contribúe con esta estratexia de posta en valor da PF, por unha banda á loita contra o abandono escolar, por outra á potenciación destes estudos “como medio para que os galegos e galegas en paro poidan continuar a ampliar a súa formación e, deste xeito, estar en mellores condicións para accederen activamente ao mercado laboral”.