Educación convoca a terceira Semana STEM, para que o alumnado galego amplíe os seus coñecementos científico-tecnolóxicos
Poderán participar mozas e mozos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos, con estadías semanais en réxime de internado totalmente gratuítas para as familias
A Consellería oferta un total de 450 prazas para os meses de outubro, novembro e decembro
Esta iniciativa forma parte do conxunto de accións da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, que ten como principal obxectivo incentivar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o estudantado galego
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, acaba de convocar a terceira edición da Semana STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), o campamento de innovación educativa da Xunta de Galicia dirixido a rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos galegos, co obxectivo de ampliar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías dunha semana de duración en réxime de internado durante os meses de outubro, novembro e decembro deste ano.
Tal como se recolle na convocatoria publicada no Portal Educativo, os centros interesados en participar disporán de prazo ata o 1 de xullo para tramitar a correspondente solicitude.
A Consellería oferta para este ano un total de 450 prazas (cada centro poderá participar con un curso e ata un máximo de 25 alumnos por etapa ) para estadías en réxime de internado dunha semana de duración -de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá- e totalmente gratuíta para o alumnado dos dous últimos cursos de Primaria e dos dous primeiros de Secundaria.
Esta iniciativa forma parte do conxunto de accións da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020) postas en marcha pola Consellería de Educación coa finalidade de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego. A Semana STEM arrancou de xeito pioneiro por primeira vez no curso 2017/18 e, despois de dúas edicións, levan participado nela un total de 750 alumnos e 38 centros educativos.
Actividades con enfoque lúdico, colaborativo e motivador
A Semana STEM axudará a reforzar os coñecementos científico-tecnolóxicos no eido educativo, necesarios para dar resposta aos desafíos profesionais do futuro. Deste xeito, as estadías proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumente o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.
As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM.