Educación convoca as axudas complementarias do programa Erasmus+ para o alumnado de ensinanzas artísticas

A contía mensual oscilará entre os 125 e os 195 euros ao mes en función dos países de destino

Sáb, 11/05/2019 - 11:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar as axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+ para o alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participa neste programa de mobilidade no curso 2018/2019, que conta desta vez cun orzamento de 40.000 euros. Deste xeito, todos os estudantes galegos que tivesen dereito ás axudas europeas poderán acceder tamén ás axudas complementarias autonómicas.

A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia e Turquía) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Antiga República Iugoslava de Macedonia).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Solicitudes

Tal como queda reflectido na convocatoria, a solicitude da axuda deberá realizarse preferentemente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365, ou poderán presentarse as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.  O prazo para tramitar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2018/19 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores nesta comunidade autónoma e ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2018/2019  xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e máis o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.