Os centros de infantil e primaria afondarán na figura de Antonio Fraguas cunha guía didáctica do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo
A conselleira de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística entregáronlle ao centro o premio do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2019
Na categoría de secundaria foi gañador o IES Álvaro Cunqueiro (Vigo)
Os proxectos gañadores distribuíranse en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior para festexar as Letras
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o secretario xeral de política Lingüística, Valentín García, entregaron hoxe o premio do Concurso-Exposición das Letras Galegas ao CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo), nun acto celebrado no propio centro educativo. O certame escolar conta tamén coa colaboración de Feiraco, que estivo representada pola súa delegada comercial, Conchi García.
Carmen Pomar destacou o interese e o compromiso dos membros da comunidade educativa deste centro na elaboración dun traballo gañador que é “froito de factores como o traballo en equipo, a colaboración entre disciplinas, ou a implicación de profesorado e alumnado”.
A conselleira fixo ademais fincapé en que o proxecto plasma á perfección os valores de Antonio Fraguas, “unha persoa boa e xenerosa, un mestre con verdadeira entrega e vocación ao ensino”, e cun gran amor pola cultura e polas tradicións galegas. Citando ao actual presidente da Real Academia Galega, convidou o alumnado a seguir investigando na figura e na obra de Antonio Fraguas, pois “el abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular”.
Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística incidiu no feito de que “nos carteis que gañaron o concurso percíbese o enorme traballo que hai detrás da exposición gañadora, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado”; un traballo que, en opinión de Valentín García, levou os rapaces e rapazas de Carballo “a coñecer moito mellor a Antonio Fraguas e a ver nel un exemplo de comportamento coherente e comprometido coa lingua e coa cultura galegas”.
Valores e estética
O centro carballés, vencedor deste certame por segunda vez, obtivo o galardón na categoría de infantil e primaria polo seu traballo Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore. O xurado salientou o traballo deste colexio por plasmar a vida e a obra do intelectual galeguista a través dun “harmonioso conxunto de carteis en que o coidado estético se combina co emprego das tecnoloxías da información e da comunicación” para ofrecer unha imaxe de Fraguas como “docente e estudoso” e para destacar na súa traxectoria “os valores de bondade, xenerosidade e, sobre todo, amor pola cultura e polas tradicións galegas”.
O traballo gañador está composto por 10 carteis orixinais e inéditos de 70x50 centímetros acompañados dunha guía con actividades que orientan a observación da mostra e fomentan o labor de investigación do alumnado.
Premios e difusión
O Concurso-Exposición Letras Galegas forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia vai desenvolver nas vindeiras semanas en honra de Antonio Fraguas Fraguas, a quen se lle dedicará o vindeiro 17 de maio, e que pode consultarse no Portal da Lingua Galega.
Ademais da categoría na que foi premiado o centro carballés, o concurso contemplaba outra para os centros de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais, ensinanzas deportivas e ensinanzas de idiomas, na que foi galardoado o IES Álvaro Cunqueiro (Vigo), polo traballo Insuela. Del o xurado destacou “a perfección técnica”, que “se conxuga coa modernidade” nunha serie de carteis que mostran “a traxectoria vital e o legado intelectual de Antonio Fraguas -unha obra dignificadora da cultura popular e das tradicións galegas a través de disciplinas diversas como a etnografia, a xeografía ou a historia- de forma parella ás circunstancias que condicionaron o devir histórico da Galicia do século XX”.
As exposicións gañadoras difundiranse no Portal da Lingua Galega e serán distribuídas por máis de 2000 puntos de interese: centros educativos, lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos, entidades da Rede de Dinamización Lingüística, centros da emigración ou bibliotecas, entre outras. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Antonio Fraguas Fraguas, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.
Os dous centros educativos gañadores reciben cadanseu premio en metálico por importe de 2000 euros, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha das exposicións seleccionadas obtén unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).