Carmen Pomar aposta pola educación inclusiva e en igualdade e o reforzo da formación docente para frear o acoso nas aulas

Con motivo do Día Mundial contra o Acoso Escolar, a conselleira de Educación visitou o IES Xulián Magariños, en Negreira

O IES de Negreira é un exemplo de boas prácticas no eido da convivencia escolar, con equipos de mediación, con obradoiros de educación emocional e con programas específicos de concienciación no uso das TIC, entre outros

Xov, 02/05/2019 - 15:21
Carmen Pomar aposta pola educación inclusiva e en igualdade e o reforzo da formación docente para frear o acoso nas aulas

Con motivo do Día Mundial contra o Acoso Escolar, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o IES Xulián Magariños de Negreira, un instituto que é exemplo de boas prácticas no eido da convivencia e é membro fundador da Rede de Centros para a Convivencia Positiva.

Carmen Pomar tivo ocasión de coñecer de primeira man -a través do profesorado e dos propios alumnos- as iniciativas concretas, moitas delas xa consolidadas, que se están levando a cabo neste centro, e que a conselleira puxo de exemplo para o conxunto da comunidade docente de Galicia.

Segundo a conselleira, a loita contra o acoso nas aulas precisa da implicación de toda a sociedade, aínda que tanto o profesorado como o alumnado e as propias familias xogan un papel esencial. No que respecta á administración, fixo fincapé no compromiso do seu departamento por promover unha educación inclusiva e que fomente a igualdade, así como contar con profesionais ben formados para afrontar os novos escenarios derivados das incorporación das redes sociais.

Ao abeiro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, os centros afondan en medidas a prol dun bo clima nas aulas da nosa comunidade desde distintas perspectivas que inclúen programas educativos nos centros como son os Contratos-programa (que conta cunha liña específica de mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, na cal participan case 440 centros neste curso); o impulso das Escolas de Nais e Pais, ENAPAS (con máis de 400 actividades e a participación dunhas 500 familias no que vai de curso); ou a posta a disposición de protocolos, orientacións e unidades didácticas específicas que redundan en aspectos como a inclusión e a atención a determinados colectivos.

Canto á formación do profesorado, existe desde o curso pasado un módulo específico de formación en Inclusión, Convivencia e Igualdade que xa superaron preto de 34.000 docentes. A isto hai que engadir os case 160 centros que contan cunha liña específica de Escola Inclusiva e Atención á Diversidade dentro dos seus Plans de formación de Centro; así como as xornadas e cursos específicos relacionados coa educación inclusiva e a atención á diversidade entre outros.

Ademais, a Consellería lanzou este ano un novo macrocuestionario sobre convivencia que actualizará os datos da primeira macroenquisa deste tipo realizada en 2015, co fin de dispoñer dunha diagnose exhaustiva e obxectiva que permita seguir implementando as medidas máis axeitadas á realidade que se constate. Non obstante, cómpre lembrar que o sistema educativo galego ten un bo clima de convivencia, posto que o macrocuestionario realizado en 2015 que agora se está actualizando puxo de manifesto que preto do 85% das familias declararon que os seus fillos non teñen padecido ningunha conduta contraria á convivencia.

Iniciativas do centro

O IES Xulián Magariños dispón desde hai anos dunha estratexia para potenciar a cultura da paz e a non violencia a través de iniciativas concretas centradas en promover cambios de actitude no alumnado mediante ferramentas de comunicación e habilidade social.

Neste senso o centro conta co seu propio plan de mellora da convivencia e promoción da igualdade, así como cun equipo de mediación de conflitos formado polos propios alumnos. Así mesmo, dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia incorpora a iniciativa “365 días de respecto e igualdade” dirixido a alumnas e alumnos de 3º e 4º de Primaria; ten en marcha o programa Titoría entre Iguais; e organiza obradoiros de educación emocional (coordinados polo departamento de Orientación do centro e que conta coa colaboración da Anpa), así como charlas e conferencias de concienciación no bo uso das TIC e, en especial, dos teléfonos móbiles.