A formación profesional amosará os seus proxectos innovadores e de emprendemento en FP Innova Galicia 2019

Neste congreso, que se celebra do 8 ao 10 de maio en Santiago, participarán máis de 8000 alumnos, docentes e profesionais

Agárdase ademais a visita de ao redor de 6000 alumnos de centros educativos que queren coñecer a formación profesional

Mar, 30/04/2019 - 11:54
A formación profesional amosará os seus proxectos innovadores e de emprendemento en FP Innova Galicia 2019

A formación profesional galega amosará os seus proxectos innovadores e de emprendemento na cuarta edición do Congreso de Innovación na Formación Profesional, FP Innova Galicia 2019. Un ano máis, o evento convértese no escenario idóneo para que máis de 8000 alumnas e alumnos, docentes e profesionais intercambien experiencias e coñecementos. O congreso é, ademais, un escaparate único para que os 6000 estudantes que está previsto que o visiten cos seus centros educativos coñezan de primeira man o funcionamento da FP na nosa comunidade. FP Innova Galicia 2019 desenvolverase os días 8, 9 e 10 de maio no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O congreso contará cunha zona expositiva de 4.100 m2, distribuída nos andares -1 e 0 do Museo Centro Gaiás, na que as persoas asistentes poderán coñecer a investigación e a innovación que os centros de formación profesional de Galicia están a desenvolver en colaboración con empresas e institucións, a través da visualización en directo dos 36 proxectos de innovación que se presentan e que abranguen as tecnoloxías máis punteiras do mercado.

Nesta edición haberá un espazo dedicado á simulación virtual con tres simuladores: un simulador virtual de vernizado específico para madeira e moble, un simulador de procesador forestal e un simulador de voo.

Así mesmo, haberá unha mostra de 18 miniempresas creadas por alumnado e profesorado de diferentes niveis educativos e outros programas operativos no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, e que representa a innovación ligada ao emprendemento.

Por outra banda, os participantes no congreso poderán tomar parte nos 19 obradoiros diferentes ofertados polos centros educativos, nos que poderán experimentar coa robótica aplicada, deseño e impresión 3D, vehículos non tripulados, electrónica, imaxe persoal, artes gráficas, téxtil, repostaría, técnicas culinarias ou coctalaría. Nestes obradoiros poderán participar máis de 1.300 persoas.

O acceso a estes espazos ten carácter gratuíto para o público en xeral. Os centros que desexen organizar unha visita para alumnado e profesorado deberán cubrir unha solicitude de inscrición, segundo as instrucións que recibiron por correo electrónico.

Congreso

Ademais da zona expositiva e de obradoiros e simuladores, FP Innova Galicia 2019 contará coa celebración dun Congreso especializado  días 8 e 9 de maio. Nel abordaranse cuestións como a incidencia da tecnoloxía 5 G na actividade produtiva a relación das mulleres coas áreas STEM, a formación e emprego xuvenil en turismo, a necesidade de cualificación para o traballo no mar, as novas tecnoloxías no sector marítimo-pesqueiro ou o reto da FP na automatización das industrias. Así mesmo, abordarase a expansión da modalidade da FP Dual.

Ademais de profesionais dos centros educativos galegos que imparten ciclos formativos, participarán como relatores neste congreso representantes de asociacións de empresarios, de empresas e do Ministerio de Economía de Portugal.