Sete centros educativos galegos participarán no certame de oratoria ComunicaTedu

O concurso, destinado a alumnado de ESO e 1º de bacharelato, céntrase nesta edición na igualdade e na prevención da violencia de xénero

Sáb, 27/04/2019 - 11:00
Sete centros educativos galegos participarán no certame de oratoria ComunicaTedu

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar as solicitudes admitidas para participar no concurso  de oratoria ComunicaTedu, que ten como obxectivo que o alumnado afonde na adquisición da competencia en comunicación lingüística, desta vez en relación coa temática de igualdade e prevención da violencia de xénero.

En total serán 7 os centros educativos e 21 equipos os que participen neste certame, que complementa a oferta de Oratoria como materia de libre configuración autonómica en 1º e 2º de ESO, así como –pola temática escollida este ano– as materias de Igualdade de Xénero, Sociedade Inclusiva e Coeducación para o século XXI.

Os centros participantes son os seguintes:

Provincia

Concello

Centro

Nº de equipos participantes

A Coruña

Bergondo

CPI de Cruz do Sar

2

A Coruña

Zas

CPI de Zas

3

Lugo

Castroverde

CPI Plurilingüe de Castroverde

2

Ourense

Ourense

IES O Couto

4

Pontevedra

Vigo

IES Carlos Casares

3

Pontevedra

Soutomaior

IES de Soutomaior

4

Pontevedra

Pontevedra

IES Frei Martín Sarmiento

3

 

O concurso baséase na preparación dunha intervención por cada equipo de estudantes participante arredor dun tema determinado e na súa gravación para sometela á avaliación do xurado. Nunha primeira fase, o profesorado recibirá o asesoramento necesario sobre as normas de elaboración das presentacións e a metodoloxía: definición do tema, discurso argumentativo, soporte audiovisual, elementos de valoración do xurado...

Na segunda fase, os equipos prepararán as súas intervencións e elaborarán os vídeos correspondentes, que serán enviados para a súa valoración na terceira fase. Unha vez seleccionadas, as 12 intervencións mellor valoradas –que serán recoñecidas cun diploma que acredite esta distinción- participarán nun evento no que serán de novo expostas para a súa gravación definitiva e difusión a través do portal educativo.

Nesta edición outorgaranse un total de catro premios, 1º e 2º para a categoría de ESO e o mesmo para a de bacharelato, dotados con 2000 € (os primeiros premios) e 1500 euros (os segundos).