O conselleiro de Educación recibiu a unha delegación de representantes do proxecto Comenius Regio entre centros ingleses e galegos
No marco deste proxecto estase a desenvolver unha iniciativa de aprendizaxe colaborativa en materia de novas tecnoloxías
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe a representantes do proxecto de aprendizaxe colaborativa en materia de novas tecnoloxías que están a desenvolver a Consellería e a Devon Local Authority and Young People Services, o departamento educativo do Council –rexión adminsitrativa- de Devon, no Reino Unido.
Na iniciativa de Collaborative Learning in Information and Learning Technologies (CLICT), que se está a desenvolver no marco do proxecto europeo Comenius Regio, están implicados, entre outros, o CPI O Cruce, de Cerceda, a Universidade de Santaigo de Compostela, a Stokeinteignhead Primary School, e o University College of St. Mark and St. John.
Enlaces co Reino Unido
Ao encontro de hoxe asistiron, ademais do conselleiro, o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Manuel Vila, o Portfolio Lead for Workforce Training and Development –o equivalente a un director xeral- de Devon, Geoff Tew, e un dos adviser for Digital Media Education –asesor TIC- do seu departamento, Tim Arnold.
Entre os asuntos abordados, a delegación de Devon mostrou o seu interese no establecemento de enlaces entre escolas do devandito Council e de Galicia, para a aprendizaxe de linguas. Ademais os asistentes ao encontro coincidiron na necesidade de explorar as posibilidades do uso de recursos dixitais para profesores e alumnos na clase.
O proxecto CLICT, baseado no uso e estudo das novas tecnoloxías, busca a colaboración efectiva entre as escolas así como o desenvolvemento de novas formas de ensino e aprendizaxe. Froito desta colaboración tense elaborado un catálogo de competencias TIC para ensino primario e secundario, ademais de terse desenvolvido diversas metodoloxías de ensino-aprendizaxe en colaboración, e actividades como intercambios e estancias entre os socios participantes.
O vindeiro día 20 ambas as partes celebrarán unha conferencia para presentar os resultados e poñer o broche final ao proxecto.