Carmen Pomar preséntalles ás entidades de atención á diversidade o novo Servizo de Inclusión e Orientación Educativa

A conselleira de Educación mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes destas asociacións

A Xunta continuará colaborando con estas asociacións en prol dunha escola inclusiva

Xov, 25/04/2019 - 18:02
Carmen Pomar preséntalles ás entidades de atención á diversidade o novo Servizo de Inclusión e Orientación Educativa

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes de 37 asociacións de atención á diversidade, ás que lles presentou o novo Servizo de Inclusión e Orientación Educativa. “Un novo departamento co que pretendemos eliminar as barreiras que limitan a aprendizaxe, así como fomentar a participación de todos os membros da comunidade educativa nos procesos de ensino e na socialización e construción conxunta de contornos inclusivos”, sinalou.

Entre as liñas de actuación Pomar destacou a coordinación dos servizos de orientación dos centros, e o traballo para darlles visibilidade e dotalos de instrumentos que faciliten, unifiquen e axilicen o seu labor, a través tanto da formación específica como da súa participación e  implicación na formación en centros.

Así mesmo, explicou que un dos principais eixes da súa actividade neste momento é a elaboración do xa anunciado plan para dinamizar a orientación vocacional e profesional do alumnado que contribúa ao seu desenvolvemento en todas as etapas educativas, con independencia das súas capacidades ou necesidades. Esta acción enmárcase no obxectivo de impulso e xestión de plans, medidas e programas para o fomento da inclusión e a equidade, así como o recoñecemento das boas prácticas de inclusión educativa.

A maiores, o Servizo de Inclusión e Orientación Educativa ten como tarefa a elaboración de protocolos para dar resposta educativa a problemáticas diferentes como o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) ou Trastorno do Espectro Autista (TEA). Neste sentido a conselleira informou ás entidades do avance na elaboración dos referidos ao alumnado con altas capacidades intelectuais e ao alumnado con dislexia e outras dificultades de aprendizaxe.

Así mesmo, explicou que a comunidade educativa en xeral, e en particular a centrada no apoio ao alumnado con necesidades específicas de atención educativa, ten á súa disposición o devandito servizo, accións específicas de formación do profesorado e outras ferramentas, como as escolas de nais e pais (ENAPAS).

Colaboración

Nesta xuntanza a titular do departamento educativo da Xunta comprometeuse tamén a seguir colaborando a través de convenios con todas estas entidades en prol dunha escola inclusiva, “que recoñeza a diferenza como virtude e a diversidade como capacidade”. As actuacións dos convenios con estas asociacións adoitan xirar arredor do asesoramento na atención educativa ao alumnado, docentes e familias, das accións formativas e informativas dirixidas ao profesorado dos centros e da colaboración na orientación sobre metodoloxías axeitadas na intervención educativa, a súa avaliación e as adaptacións curriculares ao alumnado.