A creación de 7 novos centros integrados de FP permitirá que máis cidadáns poidan acceder a unha formación para o emprego

A Consellería de Educación dará así resposta a unha demanda social arredor da FP, creando máis de 1.100 novas prazas en ciclos formativos

Segundo os últimos datos, o 88,8% dos titulados en ciclos formativos acadaron o seu primeiro emprego antes de seis meses

Xov, 16/06/2011 - 17:34

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao proxecto de decreto polo que se crean 7 novos centros integrados de formación profesional (CIFP), o que permitirá crear máis de 1.100 novas prazas para que as cidadás e cidadáns de Galicia poidan formarse para accederen a un posto de traballo.

Deste xeito a  Consellería de Educación e Ordenación Universitaria atende unha demanda social arredor da FP. De feito no curso 2010/2011 matriculáronse nestas ensinanzas 3.714 máis que no 2008/2009, un 10,69% máis; 2.276 matriculados máis que no 2009/2010 (6,29% máis).

Esta iniciativa é unha nova aposta da Xunta de Galicia pola xeración de emprego, a través dunha oferta educativa ampla e flexible nos ciclos formativos, estendendo a FP a distancia ás 4 provincias galegas. Neste sentido cómpre lembrar que, segundo os últimos estudos de empregabilidade, o 88,8% dos titulados nestas ensinanzas obtiveron o traballo antes dos primeiros seis meses de ter rematado o ciclo.

Co obxectivo de impulsar esta tendencia,  a Consellería de Educación está a desenvolver unha importante estratexia de posta en valor da FP, unhas ensinanzas que se confirmaron como un sistema de oportunidades para o acceso ao mundo do traballo.

Formación flexible

Nesta liña, a creación dos 7 novos CIFP facilitará que estes centros poidan especializarse nas distintas familias profesionais, ofrecendo unha formación máis completa e con mellores equipamentos, o que permitirá avanzar cara á excelencia. Ademais, a transformación abre as portas a unha nova folla de ruta da FP galega, baseada nunha oferta de ciclos formativos ampla e flexible, que favoreza o acceso a estas ensinanzas da cidadanía interesada.

Nesta mesma dirección, os novos centros integrados farán posible a extensión da FP a distancia ás catro provincias galegas, cun total de 6 ciclos en toda a comunidade. Cómpre destacar as posibilidades que esta modalidade abre para que os estudantes poidan conciliar a súa vida familiar coa súa formación, e mesmo para a formación continua dos traballadores.

Beneficio social

Segundo o establecido no decreto, o vindeiro curso transformaranse en CIFP o IES Manuel Antonio (Vigo), o Politécnico de Lugo, o Politécnico de Ferrolterra, o Coroso (Ribeira), A Xunqueira (Pontevedra), e o Portovello (Ourense) e o Paseo das Pontes (A Coruña). Está previsto que o vindeiro curso funcionen en Galicia 17 CIFP, que impartirán unicamente ensinanzas de FP, e nas cales se agruparán ciclos da mesma familia profesional ata o momento dispersos en varios IES e poboacións das comarcas.

A Consellería xa se puxo en contacto cos centros educativos para explicarlles que o alumnado da ESO e Bacharelato será colocado en centros da súa contorna, cun desprazamento mínimo, incluso nulo, co que non se causa ningún prexuízo ao alumnado nin ás súas familias.

Respecto dos profesores, tal e como está establecido, o profesorado desprazado ten dereito e prioridade na escolla doutro centro, polo que os docentes que se vexan afectados por esta circunstancia debido á creación dos 7 novos CIFP quedarán dentro da súa localidade.

Deste xeito a transformación en centros integrados suporá un beneficio para toda a comunidade educativa, abrindo as portas a unha oferta de ensinanzas máis completa, ao tempo que atende a crecente demanda social duns estudos cun alto nivel de empregabilidade.