Educación contará con máis de 300 auxiliares de conversa no Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras

A Consellería investirá máis de 1,7 millóns de euros para contar co apoio de maís de 300 destas persoas nativas de países de fala inglesa, francesa alemá e chinesa

A maiores Galicia contará con máis de 30 auxiliares do Plan Integral de Aprendizaxe de Linguas

Os auxiliares desempeñarán o seu labor nos centros plurilingües, seccións bilingües e escolas oficiais de idiomas

Xov, 16/06/2011 - 17:32

O Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, co que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a potenciar que todas as galegas e galegos adquiran competencias noutros idiomas, contará o vindeiro curso 2011/2012 co apoio de máis de 300 auxiliares de conversa.

Desta forma, no 2011/2012 o sistema educativo galego multiplicou case por 5 o número de auxiliares con que contaba ao inicio da lexislatura. Cómpre recordar que ao abeiro do Plan de Potenciación o sistema educativo galego contou no presente curso co apoio de 262 auxiliares.

Desta forma a consellería continúa a desenvolver o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, cuxo obxectivo é que na presente lexislatura 40.000 galegas e galegas se beneficien dun ensino que lles permita acadar competencias en outros idiomas.

Labor de apoio

No marco do devandito convenio, ao cal deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta, o sistema educativo galego contará o vindeiro curso con mais de 300 auxiliares de conversa, dos cales 278 serán de lingua inglesa, 13 de lingua francesa, 7 de alemán e 2 de chinés. Destas persoas, 31 desenvolverán o seu labor de apoio á aprendizaxe de outros idiomas nas escolas oficiais de idiomas, mentres que os 269 restantes o farán nos centros plurilingües e seccións bilingües. Será a consellería quen se faga cargo das bolsas para contribuír ao mantemento destas persoas, cunha achega superior aos 1,7 millóns de euros.

A figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para achegar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en lingua estranxeira. Ademais, representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo, polo que contribúen a reforzar o labor docente na compoñente de multiculturalidade, eixo sobre o cal pivotan os currículos dos centros implicados no Plan de Potenciación da Linguas Estranxeiras.