Educación convoca o VI Concurso de Traballos por Proxectos, para incentivar a investigación no eido das bibliotecas escolares
Os centros teñen de prazo ata o 10 de xullo para presentar as súas propostas
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar a VI edición do Concurso de Traballo por Proxectos, unha iniciativa enmarcada no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares 2016-20 que busca incentivar a investigación e as boas prácticas no ámbito das bibliotecas escolares dos centros de ensino públicos de Galicia, así como fomentar o traballo en equipo.
Tal como establecen as bases, que poden consultarse no Portal de Educación, todos os traballos deberán realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades. Os centros dispoñen de prazo ata o día 10 de xullo para presentar as súas propostas a algunha das tres modalidades de participación ás que desexen optar.
A modalidade 1 refírese a proxectos de carácter interdisciplinario ou proxectos documentais integrados (traballos de investigación sobre un tema no que os alumnos se familiarizan cos mecanismos de busca de información) coordinados desde a biblioteca escolar e que conten coa participación dun mínimo do 40% das aulas do centro, ou dun 40% dos departamentos no caso dos centros de ensino secundario. A modalidade 2 céntrase en proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, cunha temática de calquera ámbito do coñecemento, cun apartado especial para os de ámbito científico. Por último, a modalidade 3 refírese a proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino, co fin de desenvolver un proxecto común de temática xeral ou científica.
Criterios de avaliación
Para a avaliación dos traballos terase en conta a orixinalidade, interdisciplinariedade e calidade técnica do traballo (máximo 15 puntos); a contribución ao desenvolvemento do currículo e adquisición de competencias clave (máximo 20 puntos), a contribución específica a competencia informacional e mediática do alumnado (máximo 18 puntos), a participación de alumnado, profesorado e comunidade educativa no seu conxunto (máximo 17 puntos), o aproveitamento das posibilidades e os recursos da biblioteca escolar (máximo 20 puntos; e a integración da biblioteca e outros equipos e programas do centro para o desenvolvemento do proxecto (máximo 10 puntos).
Premios
Unha vez avaliados, a Consellería galardoará os traballos con maior puntuación en cada unha das modalidades sempre que acaden unha puntuación superior a 60 puntos. Na modalidade 1 danse 7 premios dotados con 2.000 euros, na modalidade 2 danse 11 premios de 1.500 euros e na modalidade 3 un único premio dotado con 3.000 euros, todos eles destinados a atender as necesidades da biblioteca escolar.