Educación abre o prazo para que os centros educativos soliciten sumarse ao proxecto de libro dixital E-Dixgal
Poderán incorporarse os centros sostidos con fondos públicos que impartan 5 e 6º de primaria ou 1º e 2º da ESO
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para a selección de centros para sumarse ao proxecto de libro dixital (E-Dixgal) no curso 2019/20. Poderán solicitalo os centros educativos galegos sostidos con fondos públicos que impartan o próximo curso ensinanzas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas (con EDI, proxector, equipo no posto do docente e conexión á rede de datos do centro).
Os centros de primaria que se incorporen comprométense a impartir a totalidade das materias en modalidade dixital; mentres que os de secundaria farano en polo menos 6 materias. Ademais, deberán asumir o compromiso de implantar esta modalidade no curso 2019/20 en 5º de educación primaria ou 1º da ESO e de estendela a 6º de primaria ou 2º da ESO no 2020/21, mantendo nos cursos seguintes o proxecto educativo dixital neste niveis.
Os centros adscritos a este proxecto contarán coa conexión á rede axeitada, os medios tecnolóxicos necesarios na aula así como para o profesorado e alumnado; e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Consellería. Así mesmo, terán acceso aos máis de 3.300 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio.
As solicitudes poderán presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas. Ademais, remitirase copia da solicitude e da documentación ao correo electrónico edixgal@edu.xunta.es segundo os prazos establecidos. Toda a información está dispoñible no portal educativo da Xunta de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria estará aberto durante un mes a partir do día seguinte ao da súa publicación. O proxecto E-Dixgal enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020).