Carmen Pomar sinala o Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía como unha oportunidade para tender pontes entre investigadores e sociedade
A conselleira de Educación participou na inauguración deste encontro
O evento reúne na capital de Galicia a preto de 900 expertos de 50 países diferentes
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na inauguración do 14º Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía, que se celebra ata o día 17 na Cidade da Cultura. Organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) xunto ás tres universidades galegas, á Universidade Nacional de Educación a Distancia e á Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal), o encontro conta tamén co apoio da Xunta de Galicia, entre outras entidades.
A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou este congreso como unha oportunidade “para aprender, dar visibilidade e influencia e tender pontes entre investigadores e sociedade”. “Confiamos en que a presenza masiva de estudosos da antropoloxía na nosa comunidade poña de manifesto a importancia desta disciplina, porque analizar o comportamento dos distintos grupos humanos permítenos ver os acontecementos e tendencias cunha perspectiva máis ampla”, dixo.
A conselleira salientou, ademais, o interese dos temas que se tratarán neste encontro, “que concitan o interese do Goberno galego e o seu apoio, así como o das tres institucións que conforman o Sistema Universitario de Galicia (SUG), conscientes da necesidade de incrementar a investigación nestas materias”.
O 14º Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía reúne preto de 900 especialistas nesta disciplina e afíns, procedentes de 50 países. Ao longo das 90 sesións que contempla o seu programa, abordaranse temas como os movementos migratorios, a crise dos refuxiados, cuestións de xénero, procesos de patrimonialización e consumo turístico na sociedade contemporánea, transformacións do mundo rural ou temas medioambientais relacionados co cambio climático. Así mesmo, desenvolverase unha sesión plenaria especial dedicada integramente á antropoloxía galega.