Educación ten redactados unha vintena de proxectos de obras en centros educativos á espera dos fondos de superávit
Carmen Pomar incidiu no Parlamento na necesidade de que o Goberno central autorice o uso destes cartos
O retraso en dar luz verde comprometería a posibilidade de realizar as obras
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, incidiu hoxe na importancia de que Galicia “reciba os millóns que lle corresponden por superávit e que non haxa máis demoras” para poder investir máis en obras en centros de ensino. De feito, explicou que neste momento “temos arredor de vinte proxectos redactados e supervisados, que están pendentes exclusivamente de que o Ministerio de Facenda autorice o uso do superávit orzamentario resultante da disciplina financeira cumprida no exercicio de 2018 por Galicia”.
A titular do departamento educativo da Xunta sinalou que, tendo en conta que a licitación das obras ten unha duración superior a 3 meses, “cada día de demora na autorización do uso do superávit supón un eventual risco de que en eses centros comecen as clases en setembro en obras”. “Estamos a falar da posibilidade de seguir mellorando instalacións e infraestruturas educativas, conscientes da súa repercusión no proceso educativo”, dixo, incidindo na “importancia para o ensino galego de que o Goberno central non siga desprezando a Galicia”.
As devanditas obras forman parte do paquete de actuacións planificadas no eido da rehabilitación integral no Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2021, un total de 44 obras por importe de 40,6 millóns de euros para 2019 e 2020 que non se puideron aínda comprometer por non contar co orzamento derivado do superávit.
Trátase, en todos os casos, de intervencións elixidas con prioridade polas unidades técnicas en función do ano de construción do centro e do estado das instalacións. Así, foron seleccionadas 12 actuacións a realizar na provincia da Coruña, 12 na de Pontevedra; 10 na de Lugo e 10 na provincia de Ourense.
Unha vez realizadas estas obras, “o Plan de dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2021 suporá a renovación dos centros educativos máis antigos, ademais dun compromiso medioambiental claro a través das actuacións de rehabilitación enerxética”, salientou a conselleira.
Desenvolvemento do Plan
Segundo explicou Carmen Pomar, a vixencia do Plan ampliouse ata 2021 por acordo do Consello da Xunta, o que permite “que a Consellería xestione agora un orzamento de preto de 200 millóns de euros para obras en centros educativos en seis anos, fronte aos 118 millóns previstos inicialmente”. “Nos tres primeiros anos de vixencia do plan (2016, 2017 e 2018) xa foron executados 93,8 millóns de euros”, puntualizou.
A conselleira debullou, asemade, as previsións para este ano 2019, “no que queremos licitar, adxudicar e executar un total de 30 actuacións, o que suporá un investimento de 33,7 millóns de euros”. “Temos xa 8 obras en execución, por valor de aproximadamente 11 millóns de euros; ás que hai que sumar outras 12 obras en licitación, por 8,5 millóns de euros”, concretou, o que significa que a comezos de abril xa está comprometido o 60% do orzamento previsto para o ano.
Así mesmo explicou que xa está en fase de redacción de proxecto o Centro Galego de Innovación en FP en Ourense e que obra de construción do novo CEIP Sagrado Corazón de Lugo xa podería estar en marcha, “pero seguimos á espera de licencia municipal”.
Carmen Pomar lembrou que cando o Plan de dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2021 estea desenvolvido na súa totalidade “teranse acometido actuacións en 116 centros educativos galegos das que se beneficiarán 33.000 alumnos de 72 concellos”. “Desde a Consellería de Educación levamos tempo traballando para consolidar proxectos educativos innovadores e para programar e executar investimentos en centros educativos en Galicia. Agardamos que outras Administracións non poñan trabas innecesarias, porque o ensino galego non as merece e as galegas e os galegos non o entenderían”, rematou.