A Consellería de Educación coordinará as medidas de atención á diversidade a través dun novo decreto que primará a inclusión
O conselleiro expuxo no Parlamento as novidades introducidas polo decreto de atención á diversidade que está a preparar o departamento que dirixe
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, expuxo hoxe no Parlamento as novidades introducidas polo novo decreto de atención á diversidade do alumnado no que está a traballar o departamento que dirixe. O obxectivo é conseguir, tal e como explicou Vázquez Abad, “un decreto para a inclusión”, “que ordene atención á diversidade do alumnado cun decreto e represente unha aposta clara pola planificación, a convivencia, a orientación, a participación das familias e das diferentes institucións”.
Nesta liña, fixo fincapé na sistematización das medidas educativas, clarificando o procedemento para a aplicación daquelas que teñan un carácter extraordinario. Neste sentido anunciou o establecemento dun Plan Xeral de Atención á Diversidade, o documento no que cada centro articula a atención á diversidade. “Neste documento, que terá avaliación anual, concretaranse todas as actuacións e medidas de atención á diversidade que un centro educativo deseña e desenvolve para adecuar a resposta educativa ás necesidades da totalidade do seu alumnado”, explicou.
Así mesmo, Vázquez Abad explicou que as nais, pais e titores legais recibirán información e asesoramento respecto das características e necesidades do alumnado, e das medidas a adoptar para a súa atención, polo que destacou entre os puntos fortes do decreto “a coordinación e a colaboración entre todos os sectores implicados na educación”.
Promoción da escolarización
O conselleiro explicou que o texto "afronta a atención educativa nunha escola inclusiva e cunha optimización dos recursos. Así, entre os principios nos que se basea o decreto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a promoción da escolarización, coa permanencia do alumnado no sistema educativo, a loita contra o absentismo e o abandono escolar e o impulso dun plan autonómico de promoción da escolarización.
Así mesmo, Vázquez Abad explicou que o novo texto, que substitúe ao Decreto 320/1996 de ordenación da educación do alumnado con necesidades educativas especiais, busca garantir a atención educativa en situacións persoais desfavorables, regulando a atención nos casos de hospitalización, tutela, acoso escolar, familia itinerante, procedencia do estranxeiro, ou embarazos.
Deste xeito, afirmou Vázquez Abad, a Consellería presenta á comunidade educativa galega “un decreto que promoverá a calidade educativa para todas as alumnas e alumnos”, que constitúe ao mesmo tempo “unha aposta pola a mellora permanente, coa promoción da formación, da investigación, da innovación e do seguimento e avaliación dos diferentes proxectos e programas”.
Extensión da gratuidade
Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento o conselleiro de Educación tamén reafirmou o compromiso do departamento que dirixe coa salvagarda "do dereito á educación en igualdade de oportunidades de todos os escolares galegos no actual contexto de crise económica", a través das axudas á adquisición de libros de texto do programa de Gratuidade Solidaria.
A este respecto Vázquez Abad lembrou que, no marco da implantación progresiva deste programa está a ser progresiva” e pese a actual conxuntura de restrición orzamentaria, nun exercicio de rigor na xestión dos recursos, a Consellería suma 1º e 3º de ESO aos niveis beneficiados por estas axudas", ata o momento 1º, 2º, 5º e 6º de Educación Primaria e Educación Especial.
Desta forma, dixo, “cada vez máis alumnos terán acceso á gratuidade real dos libros de texto”.
Atención á demanda educativa
Durante a sesión da mañá o conselleiro reiterou no Parlamento que todo o alumnado de Galicia está a ser atendido e recibe a formación acorde á súa idade e nivel educativo, unha situación que se manterá no vindeiro curso. Deste xeito Vázquez Abad recordou que "nun exercicio de responsabilidade e, porque non dicilo, nun exercicio de lealdade institucional, a Consellería de Educación realizou unha convocatoria de oposicións acorde co marco legal establecido polo Goberno central", aplicando unha taxa de reposición do 30 por cento sobre as xubilacións do ano 2010,"o máximo legal permitido pola Lei de Orzamentos do Estado".
Dentro destes límites, explicou que a Consellería centrou a oferta de emprego para 2011 nas especialidades de educación infantil - con 100 prazas- e de educación primaria -150 prazas- porque son as que concentran as necesidades actuais do corpo de mestre en Galicia. En todo caso Vázquez Abad quixo deixar claro que a taxa de interinidade en Galicia é do 4,92 %, "a máis baixa do Estado", unha porcentaxe que se reduce ao 2,6 % se se deduce ao persoal docente con reserva de praza.