A Consellería de Educación pon hoxe a disposición da cidadanía galega a oferta de formación profesional en réxime ordinario

Na relación de ciclos, que pode ser consultada no Diario Oficial de Galicia, quedan desmentidas as acusacións sobre o número de ciclos suprimidos

Mér, 15/06/2011 - 14:40

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia de hoxe a oferta de ciclos formativos polo réxime ordinario en modalidade presencial, co fin de que todas as cidadás e cidadáns que estean interesados en cursar estas ensinanzas poidan consultala. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez amosa unha actitude de total transparencia respecto desta oferta para o vindeiro curso, tal e como vén facendo desde que se presentara na Consellería a nova folla de ruta da FP galega.

A oferta foi presentada en rolda de prensa a semana pasada, tanto na Consellería como nas catro provincias. En cada unha destas roldas explicouse polo miúdo a oferta de ciclos, así como os casos puntuais nos que non se ofertará algún ciclo, ben por extinción da titulación, ben por traslado, entre algunhas das razóns.

Cómpre lembrar que o reordenamento da oferta de FP permitirá xerar 1.114 novas prazas o vindeiro curso nas cidades e grandes vilas, grazas á creación de 7 novos centros integrados de FP. Así,  no curso 2011/2012 implantaranse 166 ciclos en réxime presencial con currículos adaptados ás necesidades socioprodutivas de Galicia en 86 centros da rede de centros de FP de Galicia, e 30 novos ciclos formativos en 22 centros.

Ademais, a FP a distancia esténdese ás 4 provincias galegas, pasando dunha oferta de 100 prazas no presente curso ás 400 no 2011/2012.

Acusacións infundadas

Coa publicación hoxe no DOG da oferta en réxime ordinario - a modular a distancia será tamén publicada en datas vindeiras- quedan desmentidas por si mesmas as acusacións verquidas sobre a suposta supresión de ciclos formativos.

De feito calquera cidadán pode contrastar a oferta hoxe publicada coas afirmacións da Confederación Intersindical Galega (CIG), e comprobar que o ciclo medio de Montaxe e Mantemento de Instalacións de Frío, Climatización e Produción de Calor se sigue a ofertar co novo currículo Instalacións frigoríficas e de climatización, xa adaptado ás esixencias da LOE e da Lei das Cualificacións Profesionais. Ademais, a oferta nesta familia completarase no réxime modular para adultos co ciclo medio de Instalacións de produción de calor, tamén de currículo novo.

Do mesmo xeito, o IES Fernando Wirtz da Coruña non só mantén a oferta do ciclo superior de Desenvolvemento de aplicacións informáticas no novo  currículo adaptado do grao superior en Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma, senón que a ampliará, tal e como xa foi anunciado pola Consellería, co ciclo superior no réxime modular para adultos en Desenvolvemento de aplicacións web

Entre outros dos ciclos dos que a devandita organización sindical afirmou que serían suprimidos, pode comprobarse que tanto o IES Sección de Sobradelo- Carballeda como o CIFP de Someso seguen a ofertar o ciclo medio de Cubrición de edificios: lousas, ou que o IES de Valga segue a ofertar o grao superior en Construcións metálicas.

Seguindo unha análise máis pormenorizada, pódese apreciar a falta de rigor das informacións achegadas sobre a suposta supresión, que fan referencia a ciclos que ven adaptado o seu currículo, ou ciclos extinguidos e para os que non existe un novo que o substitúa.

Neste sentido cómpre lembrar a total transparencia da Consellería respecto deste asunto, que deixa sen fundamento algún as devanditas acusacións.