Educación convoca o primeiro concurso de Podcast de radio elaborados na biblioteca escolar
O certame, organizado en colaboración coa Radio Galega, ten como obxectivo estimular o coñecemento e difusión do patrimonio cultural galego, ao tempo que se afonda no uso da radio na biblioteca como ferramenta pedagóxica
A Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional acaba de convocar o I Concurso de Podcasts, dirixido a centros educativos públicos que participan no programa Radio na Biblio ou, de non facelo, que conten con emisora de radio escolar.
O certame, organizado en colaboración coa Radio Galega, ten como obxectivo estimular o coñecemento e difusión do patrimonio cultural galego. Por iso, e dado que o Día das Letras Galegas deste ano homenaxea a Antón Fraguas, estudoso da cultura galega, a temática dos podcast deberá ser o patrimonio material ou inmaterial de Galicia, buscando un vínculo coa contorna de cada centro educativo participante.
Así mesmo, preténdese afondar no traballo que desde as bibliotecas escolares se está a facer arredor da radio. Trátase de converter estes espazos en laboratorios creativos de aprendizaxe, xa que son unha ferramenta de gran potencial pedagóxico no reforzo das prácticas comunicativas do alumnado e da súa motivación para participar en proxectos colaborativos nos que se traballan distintas habilidades e competencias.
Establécense catro modalidades (alumnado de Infantil e 1º e 2 de Primaria, de 3º a 6º de Primaria, de Secundaria e, por último de Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas e FP) e en cada unha delas seleccionaranse os dous mellores podcast. Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación de 1.000 euros para melloras no equipamento e infraestrutura do laboratorio/emisora de radio, que deberá quedar vinculado á biblioteca. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en San Marcos para coñecer o traballo real nun estudo de radio.
Os podcast premiados serán emitidos pola Radio Galega, ademais de ser difundidos a través da súa web e da canle dixital do Diario Cultural. Tamén se emitirán entrevistas cos gañadores na programación especial da emisora co gallo do Día das Letras Galegas.
O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 30 de abril de 2019. Os centros interesados en participar poderán enviar entre 1 e 3 podcast, cunha duración mínima de 3 minutos e máxima de 5. O arquivo sonoro, en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un debate, un monográfico, ou o outro tipo de programa sempre e cando estea realizado en lingua galega.