Educación permite ás universidades o incremento de prazas de grao e máster, vinculado ao cumprimento de criterios obxectivos xustificados

A consellería publica a Instrución que actualiza a regulación da oferta de titulacións vixente desde 2015

Por primeira vez en varios anos ábrese esta posibilidade sempre que a titulación en cuestión reúna a xustificación de demanda e necesidade social, e tendo en conta as taxas de egresados e de empregabilidade, entre outros aspectos

Mar, 02/04/2019 - 12:39

As tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) poderán incrementar a oferta de prazas de grao e máster daquelas titulacións que reúnan os requisitos establecidos na Resolución da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicada hoxe no DOG, e que foi obxecto de diálogo e consenso coas tres universidades.

Así, as universidades galegas poderán propoñer o incremento do número de prazas ofertadas para unha titulación sempre que se cumpran as xustificacións de demanda social (para o cal se empregará como indicador a nota de corte dos últimos tres cursos, así como a lista de agarde resultante unha vez rematado o proceso de chamamentos da CIUG); e de necesidade social (teranse en conta os informes de organismos nacionais e internacionais sobre a oferta do mercado laboral no sector, así como os estudos de colectivos profesionais sobre a idoneidade da oferta).

Outros factores son a taxa de egresados (poderase incrementar a oferta cando a taxa de gradación da titulación sexa sistematicamente do 50% ou superior, considerando a taxa de gradación o tempo que tarda un alumno en rematar os seus estudos, para o que se toma como referencia o previsto no plan máis un ano de marxe a maiores); a taxa de empregabilidade (o indicador serán os resultados do estudo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ASUG); e a cotización á seguridade social (empregarase como indicador a porcentaxe de emprego e o tipo de traballo polo que cotiza o egresado segundo os datos oficiais do Goberno de España).

Ademais, no caso de titulacións ofertadas por máis dunha universidade, terase en conta o equilibrio da oferta dentro do conxunto do Sistema Universitario Galego. En todo caso as universidades so poderán incluír na proposta de oferta de prazas aquelas titulacións que nese momento conten coa perceptiva resolución de verificación positiva do Consejo de Universidades.

Doutra banda, poderán propoñer a redución do número de prazas ofertadas cando se demostre o exceso de oferta (ao non cubrir sistematicamente as prazas ofertadas) ou cando a taxa de graduación sexa sistematicamente inferior ao 35% nos últimos tres anos.

Unha vez recibidas as propostas, a Consellería de Educación -a través da Secretaría Xeral de Universidades- procederá a analizalas e, atendendo aos criterios establecidos antes sinalados, efectuará a correspondente ponderación e tomará a decisión obxectiva segundo os resultados de dita ponderación.

Cómpre lembrar que a oferta definitiva de prazas para o conxunto de España, incluído Galicia, se aproba no Consello Xeral de Política Universitaria, o órgano de carácter estatal onde están representados o Ministerio de Educación, a CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) e as Comunidades Autónomas.

A Resolución publicada hoxe enmárcase dentro dos principios reitores da planificación da oferta académica universitaria acordados entre a Consellería e as tres universidades, que garante o mantemento da actual oferta.

As instrucións recollidas na propia Resolución teñen por obxectivo facilitar a programación da oferta en titulacións de grao e máster universitarios nos sucesivos cursos académicos, mediante o establecemento duns criterios obxectivos.