Preto de 500 docentes reciben formación en educación inclusiva e en emprendemento da man da Consellería de Educación
O Pazo de Congresos acolle unha Xornada de Educación Inclusiva onde se mestura o coñecemento científico con prácticas reais de centros galegos neste ámbito
No CIFP Politécnico celébrase Apaixónate 2019, onde se mostran experiencias de éxito para fomentar o emprendedurismo desde as aulas
A conselleira Carmen Pomar inaugurou esta mañá ambas xornadas
Preto de 500 docentes reciben formación específica no ámbito da educación inclusiva e do emprendemento a través de dúas xornadas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que teñen lugar hoxe en Santiago, e que foron inauguradas pola conselleira Carmen Pomar.
A xornada Educación Inclusiva, que se desenvolve no pazo de Congresos, serve de marco para a exposición das boas prácticas dos centros galegos neste ámbito, como é o caso do IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía de Arousa), cun proxecto de actividade física e deportiva con persoas con discapacidade coordinado polos profesores Luis Garrigos e María Concepción Pérez que foi obxecto de recoñecementos a nivel europeo; o CEIP Número 1 de Tui, cuxas responsables Marta Álvarez e Nuria Garabal dan conta das boas prácticas de inclusión a nivel de centro onde está implicado todo o departamento de Orientación; e o CEIP Antonio Magariños (Cambados), onde a coordinadora Rosa Fiel expón o seu proxecto de centro no ámbito da inclusión.
Así mesmo, a xornada conta con conferenciantes recoñecidos neste eido como o profesor e psicopedagogo especializado en atención á diversidade José Blas García Pérez; o profesor de universidade especializado en discapacidade Joan Jordi Muntaner, a intervención de Marcelo Lusardi, protagonista do documental The Blind Rider; ou a exposición dun proxecto de comunidades de aprendizaxe para a tranasformación da man de Manuel Seoane, Patricia Blanco e Rosana Coimbra.
No acto inaugural, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, defendeu “a inclusión e a equidade como piares dunha educación transformadora” na que hai que avanzar “unindo esforzos” e escoitar “ás familias, ao alumnado e aos profesionais”. Segundo Pomar, xornadas coma esta na que se mesturan coñecemento científico con prácticas reais da aula axudan “ á plena inclusión na aula e a equidade educativa”, que é un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible Educación 2030.
Fomentar o emprendemento nas aulas
Posteriormente a conselleira desprazouse ao CIFP Politécnico de Santiago, onde ten lugar a xornada Apaixónate 2019, co obxectivo de achegarlles aos docentes de Formación Profesional o testemuño de profesionais de relevancia e que, a través do seu exemplo, fomenten a cultura do emprendemento entre o alumnado.
A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou que a escola representa un elemento clave porque desde as aulas “temos que potenciar no alumnado unha cultura de creación e de innovación, e ser capaces de espertar o espírito emprendedor, que lles vai proporcionar novas oportunidades no mundo laboral”. Carmen Pomar destacou “a importante labor de guía e de motivación” que neste ámbito exercen os docentes e orientadores, como o fan as persoas que interveñen nesta xornada e que, desde as súas distintas responsabilidades, ofrecen a súa visión de como transformar o talento en emprendemento.
En Apaixónate 2019 participan a actriz María Vázquez, a directora de Recursos Humanos de Dinahosting, Pilar Martínez Fachal; a escritora e coach Belén Varela e o CEO de Unicoos e formador online David Calle. Xa pola tarde, interveñen a cociñeira galega Estrela Michelín Lucía Freitas; Brígida Hermida, xeadeira do Grupo 20 Baixo Cero; a CEO de Lustrum e 1ª Presidenta de AJE Galicia, Carmen José López; David Garrote, de Recursos Humanos de Lidl, a artesá Sonia de Gerónimo, o neuropediatra e top de Doctoralia 2019 Alfonso Amado e o consultor de empresas e formador de directivos e profesionais Fernando S. Salinero.
O obxectivo da xornada é transmitir aos asistentes que a paixón coa que facemos as cousas ilustra o camiño ao éxito. Esta actividade, enmarcada dentro po Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende), celebra este ano a súa terceira edición.