O alumnado de programas de cualificación profesional inicial poderá acceder de forma directa a ciclos de FP de grao medio

A Consellería de Educación regulará a estrutura dos PCPI para abrir novas expectativas de formación e de titulación

Dom, 12/06/2011 - 11:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dará o vindeiro curso ao alumnado de Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) máis facilidades para o acceso a ciclos formativos de grao medio e á titulación de graduado escolar. Para iso, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad está a preparar unha orde pola que se regulan os PCPIs, establecendo novos módulos para estas ensinanzas, de tal forma que se permita unha maior flexibilidade aos seus estudantes.

Esta medida enmárcase na estratexia de impulso á FP que está a desenvolver a Consellería de Educación. Neste mesmo marco, este departamento está a preparar unha orde para desenvolver o Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, no que se refire ao desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional, a avaliación e a acreditación académica do alumnado destas ensinanzas entre outros aspectos.

Os PCPI teñen como finalidade previr o abandono escolar antes da finalización da escolaridade obrigatoria e abrir novas expectativas de formación e de titulación a mozos e mozas maiores de 15 anos. Nesta liña, trátase de ensinanzas que teñen unha marcada vocación profesional, permiten a relación co mercado de traballo e facilitan a inserción laboral nunha actividade profesional de xeito cualificado.

Estrutura

Ao abeiro desta iniciativa, establécese para os PCPIs unha duración de dous cursos académicos, cunha estrutura modular que consta de módulos obrigatorios e módulos voluntarios.

Os primeiros, de carácter obrigatorio, dividiranse en módulos formativos de carácter xeral, orientados ao acceso aos ciclos formativos de grao medio destas alumnas e alumnos; e en módulos específicos, dirixidos a que o alumnado adquira e desenvolva as competencias para o desempeño da súa actividade profesional, que incluirán, como mínimo, unha cualificación profesional completa de nivel 1 do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

Doutra banda establécense módulos voluntarios, que proporcionan a formación necesaria para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, e que se impartirán no segundo curso do PCPI. Esta formación organizarase en tres ámbitos de coñecemento: o da comunicación – con aspectos de lingua galega, castelá e as súas literaturas, e primeira lingua estranxeira- , o social – referido ás materias de ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía, música e educación plástica e visual-, e o científico-tecnolóxico – relacionado coas materias de ciencias da natureza, matemáticas, tecnoloxía, e aspectos de saúde e medio natural recollidos no currículo de educación física-.

Flexibilidade

A nova orde atende ás necesidades de flexibilidade do alumnado, polo que dá a posibilidade de cursar os PCPIs no réxime ordinario ou no réxime integrado, a través de diferentes modalidades de combinación de módulos, incluso coa opción de cursalos en centros educativos diferentes.

Ademais, o réxime integrado ofrece grandes oportunidades para o alumnado con necesidades educativas especiais, xa que se introducen módulos específicos doutros perfís profesionais distintos ao do programa, co que lle facilita a integración social e laboral. Nalgún casos poderá autorizarse para estes estudantes cursar o PCPI de xeito fragmentado por módulos, cunha temporalización distinta á establecida.

Cómpre destacar que todos os programas de cualificación profesional inicial han contar cunha fase de prácticas en centros de traballo, de acordo coas esixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións Profesionais e Formación Profesional. Con tal fin, incluirán un módulo específico de formación en centros de traballo, que terá unha duración mínima de 160 horas.

Certificación

O alumnado que teña superados todos os módulos específicos dos que se compón o programa de cualificación profesional inicial recibirá unha certificación académica que terá efectos de acreditación das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Ademais os que teñan superados todos os módulos obrigatorios, é dicir, os módulos específicos e os módulos formativos de carácter xeral dos que se compón o programa de cualificación profesional inicial, recibirán unha certificación académica que permitirá o acceso aos ciclos formativos de grao medio, nas condicións que se establezan.

Doutra banda, de ter superados tamén os módulos voluntarios as alumnas e alumnos poderán obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.