Carmen Pomar salienta a importancia das bibliotecas escolares no impulso da innovación educativa
A conselleira de Educación inaugurou a xornada conxunta dos Encontros PLAMBE
Os Encontros reúnen a responsables e coordinadores das 679 bibliotecas escolares que participan no Plan de Mellora
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou hoxe a xornada conxunta dos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), correspondente ao curso 2018/2019, onde salientou o impulso que estes espazos supoñen para a innovación educativa. “Onde unha biblioteca inicia o seu proceso de transformación, comezan a modificarse tamén algunhas prácticas educativas e as metodoloxías innovadoras van gañando terreo no día a día do centro”, de tal forma que funcionan como “motores de innovación nos centros educativos”.
Así mesmo, salientou o papel das bibliotecas escolares en relación coa adquisición das competencias básicas do alumnado, que cualificou como “incontestable”. “Son centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, que axudan á consecución dos obxectivos educativos”, sinalou.
Carmen Pomar fixo ademais fincapé na aposta por un modelo de Biblioteca Inclusiva, “para que o alumnado atope a súa oportunidade de crecemento persoal e de aprendizaxe continuada”, para que estes espazos “respondan, de xeito real, ás necesidades de todo o alumnado e que enfronte os retos que a diversidade presenta”.
Tras a intervención da conselleira, a conferencia inaugural corre a cargo de Constanza Mekis, bibliotecaria e especialista en literatura infantil e xuvenil. Actualmente é presidenta da Organización Internacional para el Libro Juvenil en Chile (IBBY Chile) e foi durante 22 anos Coordinadora Nacional das Bibliotecas Escolares CRA Nivel Ensino Básico e Secundario do Ministerio de Educación de Chile (1994 a 2016). Baixo o título Bibliotecas escolares para o século XXI. Desenvolvemento de comunidades de lectura, a relatora abordará os pasos para proxectar unha visión coherente na escola ao redor da lectura, que integre o ámbito dixital e que actualice a mirada existente sobre as actividades de aula ligadas á lectura, favorecendo o desenvolvemento de lectores que elixan o que necesitan e queren ler.
Os Encontros, que se celebran no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, reúnen a responsables e coordinadores de bibliotecas escolares dos 679 centros educativos galegos que están integrados no PLAMBE. A primeira xornada, celebrada onte, contou coa participación dos centros que se incorporaron este ano á iniciativa, mentres que este venres xa se xuntaron todos os participantes.
Ao longo de ambas xornadas desenvolveranse diferentes relatorios de expertos relacionados coas bibliotecas, a literatura, a comunicación, o patrimonio, a mediación lectora, as competencias informacionais e mediáticas, a tecnoloxía educativa e a produción audiovisual. Ademais, presentaranse un total de 26 experiencias de centro de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, "hora de ler", voluntariado, biblioteca inclusiva, espazo creativo, proxecto lector, Radio na biblio, clubs de lectura, traballo por proxectos e outros). Neste ano, dedicado nas bibliotecas escolares galegas ás poéticas diversas, a poesía estará presente da man de Mar Benegas, Montse Pena e Carlos Negro.
PLAMBE
O Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, enmarcado no o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que persigan a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.
Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.