O conselleiro de Educación salienta o prestixio da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense na graduación de 55 dos seus estudantes

Xesús Vázquez Abad felicitou a alumnado e profesores polo seu traballo nestes anos

Ven, 10/06/2011 - 20:30

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria destacou hoxe o prestixio da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, “un centro que leva xa vinte promocións de graduados, e que conta cunha tradición e prestixio cada ano máis fortes e consolidados”. Durante o acto de graduación de 55 dos estudantes deste centro, Vázquez Abad lembrou aos estudantes egresados que “este centro posúe características que o fan exemplar e que nos permiten albergar fundadas esperanzas sobre o seu crecente potencial educativo nos eidos do ensino público da nosa terra”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que “nunha sociedade globalizada como esta na que vivimos, que esixe unha preparación profesional sobresaínte e a competencia é feroz, só a excelencia permite que destaquedes entre a multitude”. Neste sentido, animou aos estudantes ao dicirlles que “non chegaredes ao mundo laboral sos e desprotexidos”, xa que “as vosas referencias son, sen dúbida, inmellorables. Levaredes con vós o feito de ter estudado no emerxente campus da cidade de Ourense e nunha Escola Universitaria cunha ampla tradición”.

Deste xeito Xesús Vázquez Abad felicitou ás alumnas e alumnos que recibiron hoxe o seu diploma neste acto de graduación, e lembroulles a importancia da súa formación “non só académica, senón tamén e sobre todo, humana", dado que "ética do coidado e a atención aos pacientes sinalarán ás enfermeiras e enfermeiros excelentes”.

No transcurso do acto, e co fin de abordar o futuro máis inmediato, o profesor da Escola, Eduardo Ramos Asensio, dirixiuse aos graduados cunha lección maxistral baixo o título ‘E agora que? Unha perspectiva de futuro’. Tras escoitala, os egresados recibiron as súas bandas e diplomas.