O conselleiro de Educación destaca o campus de Ourense como “un viveiro de intelixencia creativa que aporta novos folgos aos ámbitos empresariais máis dinámicos de Galicia”

Xesús Vázquez Abad acompañou a 198 estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo na súa graduación

Hoxe recibiron o seu diploma alumnas e alumnos das diplomaturas en Turismo e en Ciencias Empresariais, e do grao e licenciatura en Administración e Dirección de Empresas

Ven, 10/06/2011 - 19:05
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, duran
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, durante o acto de graduación de 198 estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da cidade das Burgas

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria , Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o campus de Ourense como “un extraordinario viveiro de intelixencia creativa que aporta novos folgos e mentalidade académica e profesional aos ámbitos empresariais máis dinámicos de Galicia”, durante o acto de graduación no que acompañou a 198 estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da cidade das Burgas.

Na súa intervención Vázquez Abad salientou “a importancia deste acto, no que os estudantes egresados están unidos, ademais de pola experiencia formativa, polo feito de rematar os seus estudos o ano en que se celebra o vinte e cinco aniversario deste centro educativo”.

Así, recordou tamén os seus tempos como decano do centro. “Os esforzos intelectuais e todo canto de interese científico se realiza nesta Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo reavivan o recordo de que aquí tiven a sorte e o privilexio de vivir a máis apaixonante etapa académica e profesional da miña experiencia universitaria”, dixo.

Primeiros graduados

O conselleiro felicitou aos 32 alumnas e alumnos da diplomatura en Turismo; 98 da Diplomatura en Empresariais; 27 licenciadas e licenciados en Administración e Dirección de Empresas e, 41 primeiras graduadas e graduados desta especialidade., destacando o carácter "histórico" do momento. “Asistimos - explicou- á entrega dos diplomas da primeira promoción de Graduadas e Graduados en Administración e Dirección de Empresas, a primeira que remata a súa formación nesta titulación cos plans adaptados ao Espazo Europeo de Educación, non só en Ourense, senón en toda Galicia2.

Neste sentido lembrou tamén que as hoxe graduadas son “as últimas promocións que se titulan polos plans antigos das diplomaturas de Empresariais e Turismo e da Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas”

Ademais, o titular do departamento educativo da Xunta felicitou a don David Guerra Fernández, polo seu Premio Extraordinario Fin de Carreira, concedido polo Colexio de Economistas de Ourense.

Preparados para afrontar a crise

Ás alumnas e alumnos especializados no eido económico o conselleiro lembroulles que no actual contexto de crise económica “fálase da necesidade de cambiar os patróns produtivos, de renovar ideas e buscar solucións diferentes para os novos escenarios nos que vos tocará loitar neste século XXI que camiña cara á súa xuventude”.

Así, animou aos rapaces a traballar polo desenvolvemento de Galicia. “Contamos con vós para ese cambio, sodes o xerme desas reformas que precisamos para saír adiante, fortalecidos”, díxolles.

Neste sentido Vázquez Abad afirmou “percibir, sen dificultade, a forza e a iniciativa dos emprendedores que, diploma na man, xorden deste campus ourensán dispostos a converterse no sangue novo que vivifique o país”. “Non me cabe dúbida de que, co voso traballo, Galicia vai gañar posicións nese esixente escenario”, rematou.