A Consellería de Educación apoia á Asociación de Ensino da Fabricación Mecánica na XI edición das súas xornadas

O director xeral de Educación, Jose Luis Mira, participou hoxe na inauguración deste encontro

Ven, 10/06/2011 - 19:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, amosou hoxe o seu apoio á Asociación de Ensino de Fabricación Mecánica (ENFAMEC) durante o acto de inauguración da décimo primeira edición das xornadas, no que participou o directo xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira.

O director xeral salientou que “é fundamental que as nosas alumnas e alumnos, futuros profesionais, teñan a mellor das preparacións en todos os aspectos para enfrontarse a un mundo laboral cada vez máis competitivo e esixente”. Por iso, dixo, "é moi importante que todos os que nos dedicamos a este tipo de ensinanza unamos os nosos esforzos, nun momento complicado coma este, onde os recursos humanos son máis ca nunca fundamentais para poder formar a unha xeración máis preparada que nunca para afrontar os retos de futuro”.

Así, deu a ENFAMEX os parabéns “polo voso labor de tantos anos e, sobre todo polo voso interese, que dá froitos de xeito individual na vosa labor diaria, e é fundamental para o colectivo da Formación Profesional”.

Neste sentido recordou o compromiso que a Consellería de Educación mantén con estas ensinanzas, “unha aposta por unha formación profesional acorde coas necesidades socioprodutivas de Galicia, coñecedores de que a formación dos nosos traballadores é a base da nosa economía no presente e, sobre todo, no futuro”.

Encontro de alumnado e profesorado

O IES Politécnico de Vigo acolle hoxe e mañá este encontro, que reúne a alumnos, ex alumnos e profesores de ciclos de FP relacionados coa familia profesional da Fabricación Mecánica. Tras a inauguración, o programa abriuse cunha mesa redonda de ex alumnos arredor da transición do instituto ao traballo, coa que se pretende tamén facer visible o labor formativo do profesorado no desenvolvemento dos futuros profesionais e a súa prolongación na actividade empresarial.

O programa da xornada completarase con dúas conferencias relacionadas coas técnicas do mecanizado no sector aeronáutico e o corte de precisión por láser, impartidas por representantes das empresas Delta-Vigo e Láser Galicia.

A xornada pecharase cun percorrido polas aulas e talleres do IES Politécnico, nas que se desenvolveron demostracións sobre o uso da maquinaria e ferramentas por parte dos membros do departamento de fabricación mecánica. Cómpre lembrar que este centro ten unha dilatada experiencia na impartición de ensinanzas relacionadas con esta familia profesional, desde os seus inicio no ano 1969 como escola de Maestría Industrial