A Consellería de Educación reúne aos coordinadores dos 200 clubs de lectura na IV xornada dedicada a este programa
Esta iniciativa está avalada pola súa contribución á adquisición de competencias lingüísticas e ao éxito escolar
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe aos coordinadores dos 200 clubs de lectura que, neste curso, están a funcionar en centros de ensino secundario de Galicia, no marco da ‘IV Xornada de Clubs de Lectura’, que se celebra hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
Con este encontro recoñécese o traballo desenvolvido nas bibliotecas dos centros escolares, ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe), mediante o que a Consellería de Educación impulsa diversas accións todas elas destinadas ao fortalecemento da Rede de bibliotecas escolares, e ao fomento da lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa. Cómpre lembrar a importancia destas iniciativas na adquisición das competencias lingüísticas, contribuíndo así á mellora do éxito escolar.
Esta actividade está contemplada na convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para incentivar o funcionamento de clubs de lectura, e busca o encontro entre profesores de distintos puntos de Galicia que están a impulsar a formación do seu alumnado como lectores e como cidadáns sensibles á cultura e ás súas manifestacións.
Intercambio de experiencias
A IV Xornada dos clubs de lectura contará coa presenza de Ana Díaz-Plaja, profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura da Universitat de Barcelona, que impartirá o relatorio ‘Da literatura “lixo” aos clásicos. Como crear pasarelas de lectura’. Ademais, o escritor Fernando Marías participará cunha conferencia na que recolle a súa experiencia como escritor de literatura xuvenil, especialmente na creación da súa última novela que se considera a primeira novela transmedia española, El silencio se mueve.
Neste encontro haberá tamén unha mesa de experiencias baixo o título Un club de lectura é algo máis, e encontros dos participantes por zonas para intercambio de prácticas e información, para dar a coñecer todo o que se está a realizar e as posibilidades de traballar de maneira colaborativa optimizando os recursos cos que se conta.
Esta xornada servirá para que algunhas bibliotecas escolares intercambien lotes de libros entre si, co fin de que poidan ler a mesma obra todos os membros do club de lectura a un tempo. A oferta dos mesmos faise visible a través do blog “Libros a eito” no enlace http://librosaeito.blogspot.com/ .
Impulso á excelencia
Os Clubs de Lectura están avalados por resultados moi positivos na creación de ambientes lectores nos centros e na adquisición das competencias básicas como a lingüística, a literaria ou a capacidade de argumentación, co que constitúe unha ferramenta para acadar a excelencia en materia de comprensión lectora e expresión oral e escrita.
Esta iniciativa enmárcanse no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros educativos que está a desenvolver a Consellería de Educación dentro do programa “Hora de ler”, co obxectivo de incentivar o funcionamento deste tipo de grupos de lectura en centros que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
Neste sentido, ademais do pracer pola lectura, a rapazada que participa das actividades dos Clubs de lectura aprende, ademais, a intecambiar opinións e a argumentar as propias ideas, competencia fundamental para vivir en democracia. Deste xeito estes clubs están considerados como unha das fórmulas de maior interese para o fomento da lectura con adolescentes, ao incluír varias das condicións necesarias para motivar ao lectorado: a posibilidade de comunicación cos seus iguais e a oportunidade de compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre as súas lecturas.
Doutra banda, trátase dun programa que favorece a intercomunicación entre os membros da comunidade escolar, xa que neles participan nalgúns casos pais, nais, profesorado e alumnos. Ademais de comentar os libros que se len, nos clubs é habitual o visionado de filmes baseados en obras ou relacionados cos autores das mesmas, audicións de músicas asociadas a esas obras, realización de rutas literarias, asistencia ou representacións de obras teatrais, recitado de poesías, e a asistencia a tertulias literarias e encontros con autores.
O blog “Libros en man común” no enlace http://lerenmancomun.blogspot.com/ ofrece información sobre todo o relacionado cos clubs de lectura e recolle os blogs dos clubs de cada un dos centros educativos que contan con esta ferramenta.