Educación ultima o protocolo de altas capacidades intelectuais, que en breve estará á disposición da comunidade educativa
Así o anunciou a conselleira Carmen Pomar durante a clausura do II Congreso Mundial de Educación celebrado en Santiago
Subliñou a importancia de abordar a diversidade desde a inclusión e artellar unha resposta educativa que permita desenvolver as potencialidades de cada quen
A Consellería de Educación está ultimando o Protocolo para a Atención Educativa ao Alumnado con Altas Capacidades Intelectuais, un documento que en breve estará á disposición de toda a comunidade educativa. Así o anunciou esta mañá a conselleira Carmen Pomar, durante a clausura do II Congreso Internacional de Educación, Educa 2019, que durante tres días congregou en Santiago a expertos nacionais e internacionais para o intercambio de coñecemento e experiencias didácticas entre docentes.
Carmen Pomar salientou que a posta en marcha deste Protocolo responde aos obxectivos do Decreto 229/2011, de atención á diversidade, que converteu Galicia en pioneira neste campo e que “cambiou o concepto de atención á diversidade, deixando atrás a idea de discapacidade como un concepto negativo para contemplar unha realidade máis ampla”.
Segundo explicou a conselleira, o alumnado con altas capacidades constitúe un grupo heteroxéneo no que atinxe a súa personalidade, desenvolvemento social, emocional e cognitivo, o que require de respostas educativas axeitadas que lle permita desenvolver ao máximo o seu potencial e, sobre todo, “abordar esa diversidade desde unha proposta inclusiva”.
Carmen Pomar debullou as liñas básicas deste documento, que parte da definición de conceptos como as altas capacidades intelectuais (diferenciando precocidade intelectual, talento e superdotación intelectual) ou a dobre excepcionalidade (na que xuntan altas capacidades intelectuais con necesidades específicas de apoio educativo); a identificación deste alumnado, e a intervención educativa axeitada a cada caso.
Este Protocolo de altas capacidades sumarase a outros como o de Atención Educativa ao Alumnado con Discapacidade Auditiva presentado esta semana, e outros que xa teñen máis percorrido como o de Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade, o trastorno do espectro autista, ou o de atención educativa domiciliaria, entre outros.
Todos estes protocolos buscan proporcionar a atención educativa máis axustada a cada unha das situacións, e avanzar nun clima escolar positivo e respectuoso con todo o alumnado, e de forma máis específica, con aquel que presenta máis dificultades, unha liña pola que a Consellería de Educación vai seguir apostando.