Carmen Pomar entrega os premios de emprendento en FP organizados en colaboración con Repsol
O programa “Emprendemento en FP, Proxecta o teu Futuro” ten como obxectivo fomentar a cultura emprendedora no ámbito da Formación Profesional a través da conexión entre empresas, sistema educativo, mercado e sociedade
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, xunto co director da Área de Emprendemento de Fundación Repsol, Eduardo García, entregou esta tarde os premios de emprendemento en FP organizados en colaboración con Repsol. A entrega tivo lugar na refinaría de Repsol na Coruña, nun acto que incluíu a presentación ante o xurado dos once traballos aspirantes, todos eles desenvolvidos por centros da área da Coruña vinculada á actividade empresarial de Repsol.
O proxecto “ Fungal Biomaterials” -cunha proposta de novo material similar ao coiro producido por un fungo- alzouse co primeiro premio desta segunda edición do programa “Emprendemento en FP, proxecta o teu futuro. Este novo material caracterízase por unha produción máis rápida, económica e ecolóxica, polo que vai dirixida a empresas interesadas en novos materiais, como tapizadoras ou téxtiles.
O segundo premio foi para o proxecto “Bguard”, cuxo equipo presentou un dispositivo para bicicletas de alerta de proximidade de vehículo que aumenta a seguridade do usuario e realiza gravación do que ocorre na contorna que posibilita a investigación en caso de accidente.
Cada un dos membros do equipo clasificado en primeiro lugar recibiu unha tarxeta regalo de 200 euros, mentres que os compoñentes do segundo equipo clasificado obtiveron unha tarxeta regalo por valor de 100 euros.
Na súa intervención, a conselleira subliñou a importancia deste programa de emprendemento, que permite “coordinar sinerxías” para o impulso da cultura emprendedora desde o sistema educativo. De aí a necesidade de accións coma esta, que fomentan “actitudes proactivas” entre o alumnado para pensar, deseñar e xerar proxectos que se poden aplicar na práctica diaria a través de empresas e organizacións.
Nesta liña, Carmen Pomar apostou polo desenvolvemento de competencias transversais para ter capacidade de comunicación, empatía, flexibilidade e adaptación, así como por modelos de traballo que poñan en contacto ao alumnado coa empresa e, “a través dela co mercado laboral e a sociedade no seu conxunto”.
O programa “Emprendemento en FP, Proxecta o teu Futuro” é unha iniciativa da Consellería de Educación en colaboración coa Fundación Repsol dirixida a fomentar a cultura emprendedora no ámbito da formación profesional a través dun modelo de traballo que pon en contacto a empresas, sistema educativo, mercado e sociedade; ao tempo que mellora a empregabilidade dos estudantes de FP.
Esta acción, que se puxo en marcha por primeira vez o pasado curso, céntrase sobre todo en promocionar e dinamizar a innovación no sector da enerxía vinculada a aspectos de rendibilidade social como son a eficiencia enerxética, a sostibilidade medioambiental, a mobilidade sostible e a enerxía integradora.
Neste curso o programa involucrou a un total de 50 estudantes dos ciclos superiores pertencentes ás familias profesionais de administración e xestión, comercio e márketing, edificación e obra civil, electricidade e electrónica, fabricación mecánica, informática e comunicacións, instalacións e mantemento, química, sanidade; e seguridade e medio ambiente.