A Consellería de Educación incrementará en máis de 1.100 as prazas de FP coa creación de 7 novos centros integrados de formación profesional nas cidades galegas

Deste xeito poderase facer unha oferta máis flexible para estas ensinanzas

A medida permitirá tamén a especialización dos centros nas diferentes familias profesionais, o que permitirá camiñar cara á excelencia

Deste xeito dáse resposta ao interese crecente da cidadanía por estas ensinanzas, que se teñen revelado como unha porta de acceso ao mundo do traballo

Mar, 07/06/2011 - 14:31

Declaracións do conselleiro Xesús Vázquez Abad

Xesús Vázquez na presentación da nova oferta de FP
Xesús Vázquez na presentación da nova oferta de FP

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dará un paso máis na estratexia de impulso da Formación Profesional que está a desenvolver desde o inicio da lexislatura coa creación de máis de 1.100 prazas novas de Formación Profesional. Así o explicou o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, que reiterou hoxe en rolda de prensa o compromiso do departamento que dirixe co avance da FP galega “na liña marcada pola Estratexia 2020 da Unión Europea, que incide na necesidade de facer ofertas flexibles para amplificar o acceso a FP”, dando así resposta á crecente demanda que a cidadanía está a facer destas ensinanzas.

Deste xeito, a Consellería creará 7 novos centros integrados de formación profesional (CIFP), dedicados soamente a ensinanzas de FP, co que se dá resposta ás necesidades de incremento de oferta e número de prazas que se ten manifestado a través da crecente demanda destes ciclos. Así, o vindeiro curso serán centros integrados o IES Manuel Antonio (Vigo), o Politécnico de Lugo, o Politécnico de Ferrolterra, o Coroso (Ribeira), A Xunqueira (Pontevedra), o Portovello (Ourense) e o Paseo das Pontes (A Coruña).

Tal e como sinalou o conselleiro, trátase de “marcar unha nova folla de ruta para a FP galega, que se fundamenta nun incremento da oferta e do número de prazas, na extensión da FP a distancia ás 4 provincias galegas, nunha nova oferta de PCPI, e nunha oferta de ciclos máis adaptados ás necesidades dos sectores socioprodutivos de Galicia”.

Especialización dos centros e extensión da FP a distancia

A elevada demanda por parte da cidadanía que están a ter os ciclos formativos esixe un incremento da oferta para atender aos interesados nestas ensinanzas. Isto esixe, tal e como explicou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, a creación de novos espazos comúns e específicos, que poidan especializarse nas distintas familias profesionais, ofrecendo unha formación máis completa e con mellores equipamentos, o que permitirá avanzar cara á excelencia.

Neste sentido, tal e como explicou o director xeral, a creación de novos CIFP e o traslado das ensinanzas de ESO e Bacharelato a outros institutos posibilita autorizar novos ciclos que respondan ás necesidades do sistema produtivo galego, así como o incremento de oferta en ciclos formativos xa autorizados, mesmo noutras modalidades – a distancia ou modular-, e unha nova oferta de Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI).

De feito a reestruturación permitirá que as 4 provincias galegas conten por primeira vez con oferta de FP a distancia, con 4 novos ciclos, que se suman aos 2 implantados no presente curso.

Incremento da oferta

Os representantes da Consellería salientaron ademais que a transformación destes institutos en CIFP supón facer un uso eficiente dos recursos duns centros que estaban a ter unha escasa oferta de ESO e Bacharelato, que pode ser asumida sen dificultades por outros centros moi próximos que contan aínda con prazas vacantes.

Deste xeito, o reordenamento da oferta de FP permitirá xerar 1.114 novas prazas o vindeiro curso nas cidades e grandes vilas. Cómpre destacar que na modalidade a distancia se pasa das 100 prazas do presente curso ás 400 no 2011/2012.

Ademais no curso 2011/2012 implantaranse 166 novos currículos en réxime presencial –ao abeiro da adaptación que está a desenvolver a Consellería para adaptalos ás necesidades socioprodutivas de Galicia- en 86 centros da rede de centros de FP de Galicia, e 30 novos ciclos formativos en 22 centros.

A Consellería ten previsto publicar nos vindeiros días un decreto coa creación dos novos centros integrados, así como a nova oferta de FP para o vindeiro curso. Respecto do traslado do alumnado de ESO e Bacharelato a outros centros, a Consellería xa se ten posto en contacto cos responsables dos centros afectados.  O alumnado será reubicado en centros da súa contorna, cun desprazamento mínimo, incluso nulo, co que non se causa ningún prexuízo ao alumnado nin ás súas familias. Os centros que se converterán en CIFP serán adaptados ás novas necesidades nos meses de verán, para evitar calquera interrupción da vida académica.

Tal e como explicou o conselleiro, a reestruturación da FP galega é un paso adiante máis na estratexia de posta en valor destas ensinanzas que a Consellería está a desenvolver desde o inicio da lexislatura.