O conselleiro de Educación entregou os premios da trixésima edición do concurso ‘¿Qué es un Rey para ti?’
Corenta alumnas e alumnos resultaron premiados na fase galega do certame
Irene Rico Gómez, do CEIP burelao de Vista Alegre, foi elixida para representar a Galicia na audiencia coa Súa Maxestade o Rei
Vídeo coas declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria na entrega de premios
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo entrega hoxe dos premios da fase galega da trixésima edición do concurso ‘¿Qué es un Rey para ti?’, no que os escolares amosan a percepción que teñen sobre Don Juan Carlos I.
No acto, no que foron galardoados un total de 40 rapazas e rapaces, foi elixida ademais Irene Rico Gómez, do CEIP de Vista Alegre (Burela), como representante de Galicia na audiencia no que a Súa Maxestade o Rei recibirá a gañadores de todas as Comunidades Autónomas.
Na entrega de premios participaron tamén o presidente da Fundación Institucional Española (FIES), Rafael Guardáns Cambó, e o responsable institucional de Orange, Ramón Vázquez Piñeiro, ambas as dúas institucións organizadoras do certame. Por parte da Consellería asistiu tamén o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.
Achegarse á Coroa
Un total de 2.113 rapazas e rapaces pertencentes a 128 colexios participaron neste concurso, tal e como explicou o conselleiro “atopando motivación para presentar as súas ideas sobre o que é un rei para eles”. Neste sentido sinalou que “este concurso é moito máis que un disputado certame nacional, é unha excelente ferramenta coa que o alumnado se achega á historia da Coroa en España, ao seu papel na monarquía parlamentaria na que vivimos”. “Ao mesmo tempo- engadiu- sérvelles para aprender valores como democracia, liberdade, diálogo, convivencia pacífica e solidariedade, imprescindibles na construción dunha sociedade culta e democrática”.
Así Vázquez Abad felicitou a todos os participantes e gañadores, así como a FIES, “por convocar este concurso desde hai 30 anos e manter acesa a chama do interese nos máis novos, xeración tras xeración”. Así mesmo o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu “a implicación do profesorado na realización destas obras nas aulas, o seu labor de guía co alumnado, a súa axuda e o seu compromiso coa educación en todas as súas manifestacións”.
Variedade de formatos
Os participantes en '¿Qué es un Rey para ti?' presentaron traballos en todo tipo de formato, incluídos os multimedia (vídeos, presentacións multimedia, creación de arte dixital...), sempre coa figura de Don Juan Carlos I como inspiración.
Os traballos finalistas da modalide multimedia foron expostos na web de FIES, onde os internautas tiveron a oportunidade de votar aos seus favoritos.