A Consellería de Educación ofertará o maior número de vacantes no concurso de traslados da historia de Galicia
O número de prazas ascenderá a 3.002
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ofertará o maior número de vacantes ao concurso de traslados da historia de Galicia, un total de 3.002. A decisión tomouse hoxe previa negociación na Comisión Técnica para a Determinación das Vacantes do Concurso de Traslados, constituída por acordo da Mesa Sectorial do Ensino Non Universitario. Estas vacantes contribuirán a dotar de maior estabilidade aos docentes galegos e, como consecuencia, ao sistema educativo.
En concreto, a proposta inicial de vacantes vese incrementada en máis de 900 prazas tras a reunión da devandita comisión, na que participan a Consellería e os sindicatos Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO), Asociación Nacional de Profesionais da Ensinanza (ANPE) e Federación de Empregadas e Empregados dos Servizos Públicos de UGT (FeSP-UGT).
A distribución das vacantes é a seguinte:
Corpo |
Vacantes |
Mestres |
1.017 |
Profesores de Ensino Secundario |
1.177 |
Profesores técnicos de FP |
380 |
Profesores de Escolas Oficiais de Idiomas |
151 |
Catedráticos de Música e Artes Escénicas |
119 |
Profesores de Música e Artes Escénicas |
134 |
Profesores de Artes Plásticas e Deseño |
21 |
Mestres de Taller de Artes Plásticas e Deseño |
3 |
Total |
3.002 |
Na determinación das vacantes ao concurso tivéronse en conta as horas derivadas da aplicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado, destinadas a desdobramentos de grupos e ao reforzo educativo; así como os incrementos horarios derivados dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento, da formación profesional básica e das ensinanzas de adultos. Tamén se potencia o bilingüismo nos centros educativos galegos, ofertando con carácter definitivo vacantes con requisitos esixidos para impartir determinadas materias no idioma correspondente.
A oferta acordada hoxe permitirá reducir a provisionalidade ao diminuír notoriamente o número de persoal docente en expectativa de destino, incrementando a estabilidade do profesorado nos centros educativos, xa que non terán que participar todos os anos na convocatoria para obter un destino provisional.
Cómpre lembrar que no concurso de traslados convocado pola Orde do 15 de outubro de 2018 pode participar o persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación.