Vázquez Abad reitera, na “I Xornada Galega sobre Linguas Estranxeiras” e diante de 500 docentes, o seu compromiso cun ensino plurilingüe
Prestixiosos ponentes europeos e de varias comunidades autónomas españolas intercambiaron experiencias sobre a mellora da calidade do ensino, co emprego de novas lenguas
O conselleiro lembrou que o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras posibilitará que 40.000 galegas e galegos teñan un ensino plurilingüe nesta lexislatura
O departamento educativo da Xunta de Galicia organiza por primeira vez este encontro para coñecer as liñas de actuacións de outras Comunidades neste eido
Xesús Vázquez Abad, durante a inauguración das xornadas
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reiterou hoxe, diante de máis de medio millar de docentes, o compromiso do departamento que dirixe cun ensino plurilingüe, de acordo co Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, cuxo obxectivo é que, na presente lexislatura, 40.000 galegas e galegas se beneficien de un ensino que lles permita acadar competencias en outros idiomas.
O conselleiro presidiu, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, o acto inaugural da “I Xornada Galega sobre Linguas Estranxeiras”. A masiva afluencia do profesorado nestas datas de fin de curso foi interpretada como un claro sinal do interese que o fomento das linguas suscita na comunidade educativa, nomeadamente entre os docentes. O alto nivel e calidade dos ponentes tamén foi determinante para que a convocatoria poida considerarse como un éxito.
O obxectivo desta xornada é presentar o devandito Plan que se está a aplicar en Galicia para o fomento da aprendizaxe das linguas estranxeiras, e coñecer as liñas europeas e de outras Comunidades autónomas neste eido.
No marco da inauguración da I Xornada Galega sobre Linguas Estranxeiras, organizada pola Consellería, o seu titular lembrou as principais liñas de actuación do Plan de Potenciación e destacou a importancia do papel do profesorado para o desenvolvemento do mesmo. “Este Plan estaría falto do seu soporte básico sen os docentes, dada a súa importancia como actores fundamentais na transmisión de coñecementos ao alumnado", explicou. “Xa no Plan de Acción para promover a aprendizaxe de idiomas e a diversidade lingüística da UE afírmase que a función dos profesores de idiomas é fundamental na construción dunha Europa multilingüe”, salientou.
Intercambio de experiencias
A I Xornada Galega sobre Linguas Estranxeiras está dirixida a profesorado de seccións bilingües, centros plurilingües e linguas estranxeiras, e aos coordinadores dos programas AICLE/CLIL (Aprendizaxe Integrado de Lingua Inglesa e Contidos de outras Materias).
A xornada abriuse coa intervención do profesor da Université Libre de Bruxelles Hugo Baetens Beardsmore, sobre os beneficios do ensino bilingüe, e coa presentación do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras por parte do director xeral de Educación, Formación profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira.
No encontro participan ademais profesionais de outras Comunidades Autónomas, que explicarán as experiencias no eido do plurilingüismo nos seus respectivos territorios. En concreto o País Vasco está representado por David Lasagabaster, da Universidade do País Vasco, que impartirá o relatorio ‘Desde el bilingüismo hacia el plurilingüismo’. Posteriormente haberá unha mesa redonda na que participarán o director xeral de Mellora da Calidade de la Enseñanza de Madrid, Xavier Gisbert de la Cruz, o viceconselleiro de Educación e Cultura de Castela-A Mancha, Pedro Pablo Novillo, o viceconselleiro de Educación Escolar de Castela e León, Fernando Sánchez Pascuala Neira, e o director xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Rioxa, Rafael Federio Gavara.
O programa pecharase cunha mesa redonda na que se intercambiarán experiencias de varios centros galegos en arredor do ensino plurilingüe. Este debate contará coa participación das profesoras Clara Cristela Rodríguez Núñez, Hilda Fraga López e Carmen Calleja Lameiras, do CPI Cernadas de Castro, IES Plurilingüe Rafael Dieste e CEIP A Ponte, respectivamente.