Educación destina 110.000 euros a axudas para estudantes universitarios con dificultades económicas por causas sobrevidas
O importe das bolsas, en función da renda familiar, oscilará entre os 1.500 e os 2.750 euros
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2018/19, teña dificultades económicas, co obxectivo é garantir que poidan continuar os seus estudos.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estas axudas cunha contía global de 110.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada ata cubrir a todas as persoas que o precisen. As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros.
Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario cunha situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista acontecida entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019 e que estea matriculado no curso 2018/19, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do SUG. No caso do alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, deberá estar matriculado como mínimo de 30 créditos. Ademais, non poderá ter recibido esta axuda con anterioridade e a renda per cápita da unidade familiar non será superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2019 multiplicada por 1,50.
Na convocatoria enténdense como causas imprevistas a orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o fai con posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida, sendo a data límite para a presentación das solicitudes o 31 de xullo de 2019.