Máis de 5.600 persoas realizan as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio
Estes exames teñen un carácter totalmente gratuíto
Máis de 5.600 persoas realizan hoxe as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, que se celebraron en IES e CIFPs de toda Galicia.
Deste xeito queda de manifesto a importancia que a formación profesional está a gañar no sistema educativo galego, de acordo coa estratexia de posta en valor destas ensinanzas que está a desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Estes exames para acceder a ciclos de Formación Profesional de grao medio teñen un carácter totalmente gratuíto para os cidadáns.
A quen van dirixidas?
As probas de acceso a FP de grao medio, diríxense a quen non cumpra os requisitos académicos esixidos para acceder a estes ciclos formativos, e teña cumpridos dezasete anos ou os cumpra no ano natural de celebración da proba.
Para obter o acceso os aspirantes deberán realizar un total de seis probas, tres da parte sociolingüística – lingua galega, lingua castelá e ciencias sociais-, unha da matemática, e dúas da parte científicotécnica - Ciencias da natureza e Tecnoloxía-.
De superaren as probas os aspirantes obterán unha certificación que dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan. Para quen realizara a proba na Comunidade Autónoma de Galicia e non a superara na súa totalidade, a certificación permitirá manter a cualificación obtida nas partes superadas cunha puntuación igual ou superior a cinco durante un máximo de dous anos nas probas de acceso a ciclos formativos de grao medio en Galicia.