Educación convoca 142 bolsas para que o alumnado universitario mellore as súas competencias en linguas estranxeiras
As axudas, dun importe de 1.000 euros por persoa, contribuirán a financiar estadías nalgún Estado membro da UE na que os estudantes deberán realizar un curso do idioma oficial do país elixido
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2019, co obxecto de coñecer a lingua dese país. A dotación orzamentaria ascende a 142.000 euros, o que fai posible a concesión de 142 bolsas.
Esta convocatoria ten como obxectivo facilitar ao alumnado universitario cumprir cos requisitos e necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior que esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional. Neste sentido, as persoas solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas cunha duración mínima de tres semanas, excluíndo as datas da viaxe, e un mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderán solicitar estas os universitarios que estean matriculados no curso 2018/19, como mínimo en 50 créditos, en calquera das universidades do SUG, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao. Ademais, os aspirantes deberán ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que están a realizar.
Non poderán optar a esta convocatoria aqueles estudantes que fosen beneficiados cunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+ neste curso , sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país no que están a desenvolver o devandito programa nin o alumnado que xa fose beneficiario desta axuda en convocatorias anteriores.
Desde a posta en marcha desta convocatoria, no curso 2011/12, téñense beneficiado dela un total de 839 universitarios galegos.