Preto do 60% das queixas remitidas ao Valedor do Pobo son competencia do Ministerio de Educación

Das 343 queixas iniciadas, 178 foron remitidas ao Defensor del Pueblo por referirse ao máster do Profesorado, competencia do Ministerio

As queixas admitidas no eido educativo no 2010 no que toca á Consellería (145 en total) foron 40 menos que no 2009

Xov, 02/06/2011 - 14:57

Unha vez analizado o Informe do Valedor do Pobo para o ano 2010, cómpre sinalar que preto do 60% das queixas remitidas ao mesmo sobre o eido educativo se referían a competencias do Ministerio de Educación.

Así, das 343 queixas recibidas polo Valedor en 2010 este só admitiu 145, e remitiu outras 178 ao Defensor do Pueblo por referirse a competencias do Ministerio.. Así as cousas, as queixas admitidas no eido educativo no 2010 no que toca á Consellería (145 en total) foron 40 menos que no 2009.

Das remitidas ao Defensor del Pueblo, en total 178 queixas,  tal e como o propio informe do Valedor indica, "o seu elevado número explícase pola obrigada remisión ao Defensor dunha queixa presentada masivamente en abril de 2010 polos afectados pola modificación das condicións de acceso para o exercicio da docencia non universitaria. En concreto, 171 alumnos protestaban, mediante a presentación de escritos de queixa ante o Valedor, pola obrigatoriedade de cursar o novo Máster Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas de Idiomas e Ensinanzas Artísticas en substitución do antigo Curso de Aptitude Pedagóxica, que deixou de ser impartido en setembro de 2009". É dicir, referentes un asunto competencia do Ministerio.

Compromiso coas políticas sociais

A Consellería de Educación demostra día a día en todas as súas actuacións que as súas prioridades son as políticas sociais educativas e a mellora da calidade da educación, camiñando cara á máxima conxunción entre ambas as dúas, é dicir, fomentando que todas as galegas e galegos teñan un acceso en igualdade de condicións a un ensino da máxima calidade.

Isto queda manifesto e patente no claro compromiso cun ensino público plurilingüe e gratuíto, que esta Consellería comezou a implantar por 1ª vez, ao igual que na integración por primeira vez das TIC no sistema educativo público a través do Proxecto ABALAR.

Ademais a Consellería de Educación atende as necesidade do alumnado con necesidades educativas específicas, atendendo aos informes da Inspección Educativa e dos Equipos de Orientación Específica.

É necesario recalcar que a crise económica pola que estamos a atravesar obriga ao Goberno da Xunta de Galicia á xestión máis eficiente e responsable dos recursos públicos. Con todo, este Goberno desenvolve esta xestión dando prioridade ao gasto social, como é o caso do educativo.