O conselleiro de Educación destaca a importancia da comunicación entre educadores e familias na formación do alumnado con autismo
Xesús Vázquez Abad participou hoxe nas xornadas de portas abertas da Fundación Menela, especialista neste trastorno
O conselleiro de Educación participou hoxe en Vigo nas xornadas de portas abertas da Fundación Menela, rede de servizos para o autismo e a dependencia, un acto ao que asistiron tamén a delegada da Xunta na cidade de Vigo, Lucía Molares, e o xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.
Vázquez Abad destacou nestas xornadas a importancia da comunicación entre os educadores e as familias na formación do alumnado con autismo. Neste sentido valorou o traballo da Fundación, “que vai máis alá, acompaña ás familias desde o momento da diagnose ata a formación profesional das rapazas e rapaces. Unha tarefa difícil e, ao tempo, inspiradora”, dixo.
O conselleiro lembrou que co seu apoio a esta organización, “impulsamos un espazo educativo específico que permite que as nenas e nenos con trastornos do espectro autista e as súas familias obteñan o apoio preciso para o seu desenvolvemento social e escolar”.
No marco destas xornadas, que se celebran do 31 de maio ao 4 de xuño, desenvolverase a partir do venres o congreso ‘Repensar o autismo’. Coa súa participación neste encontro a Consellería dá mostra do seu compromiso coa diversidade do alumnado galego.
Reflexión sobre o autismo
A xornada de portas abertas onte centrouse no diagnóstico e atención temperá no autismo tanto no entorno educativo como no sanitario, mentres que a de hoxe, baixo o título ‘Tendendo Pontes’ xirou arredor da intervención educativa en alumnas e alumnos afectados por este trastorno. Xa mañá tratarase a inclusión sociolaboral destas persoas.
Ademais co gallo destas xornadas organizáronse exposicións de pintura e fotografía que se poden visitar no CEE Menela, no centro Castro Navás e no Edificio CAMI, todos eles da Fundación Menela.
No congreso, a partir do venres, abordaranse aspectos médicos, laborais e sociais das persoas con trastornos do espectro do autismo, tanto en nenos como en adultos e persoas maiores dependentes. Todos estes aspectos serán analizados e debatidos por diferentes profesionais da educación e a medicina.